Bota a andar un grupo de traballo municipal sobre Carvalho Calero

Bota a andar un grupo de traballo municipal sobre Carvalho Calero
Imaxe da reunión do grupo de técnicas municipais de diferentes áreas, coa coordinación de Maria Teresa Deus | c.f.

O ferrolán Ricardo Carvalho Calero (1910-1990) será homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2020, logo de moitos anos de presión e peticións desde distintos eidos da sociedade para que a Real Academia recoñecese a súa aportación á historia da literatura e da lingua propia. Con este obxectivo cumprido, toca agora poñerse en marcha para festexar esta data como corresponde. Será a primeira vez que un ferrolán teña esta distinción e hai moi altas expectativas despois da longa espera. O Concello de Ferrol puxo en marcha un grupo de traballo, formado por técnicas municipais de diferentes eidos e coa coordinación da tenente de alcalde, María Teresa Deus. A súa primeira reunión foi apenas unha toma de contacto para coñecer a situación da que se parte. Por iso, fíxose un inventario de todos os recursos municipais que existen no patrimonio local vencellados co profesor. Isto non só inclúe a súa ruinosa casa natal, senón tamén abundante material documental que recompila o paso de Carvalho Calero pola cidade e os actos que se fixeron na súa memoria.

En vida, foi nomeado Fillo Predilecto de Ferrol, unha condecoración que se lle entregou nos actos institucionais de San Xiao, poucas semanas antes de morrer. En 2010 celebrouse o centenario do seu nacemento. Ademais, hai un centro de ensino en Caranza que leva o seu nome, un centro cultural no Inferniño e unha rúa no barrio de Recimil.

A toda esta presenza física únese o traballo que desde todo tipo de entidades sociais, culturais e políticas se vén desenvolvendo, á marxe das canles oficiais, para difundir a importancia dos seus estudos pioneiros e da súa obra creativa, xunto coa súa biografía. Carvalho Calero, membro fundador do Partido Galeguista e impulsor do Estatuto de Autonomía, profesor depurado polo franquismo, foi finalmente o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela e destacou tamén polo seu labor docente e a impronta que deixou nos seus alumnos. Os seus posicionamentos reintegracionistas na etapa na que empezaba o proceso normalizador do idioma alonxárono da oficialidade, que optou por outra vía. A división entre normativas creada entón –nos últimos tempos está collendo forza a idea da binormatividade– está no cerne do seu “esquecemento” e de que tiveran que pasar trinta anos desde a súa morte para recibir o recoñecemento da Real Academia.

O Concello quere aproveitar tamén todo o traballo feito polo tecido asociativo ó longo destas últimas décadas. Por iso terán en conta as propostas que os colectivos e entidades desexen facer “para converter esta celebración nun motivo de orgullo para toda a cidadanía” e que as celebracións teñan “unha proxección ampla e transversal” que permita que “todas as persoas de Ferrol coñezan a obra dun ferrolán universal e poliédrico”.

Bota a andar un grupo de traballo municipal sobre Carvalho Calero

Te puede interesar