Ferrolterra sae do Nadal coa curva de casos de Covid á alza e con máis persoas hospitalizadas

Os ingresos hospitalarios están en cifras altas, bordeando o medio cento de casos | d.a.
|

A área sanitaria de Ferrol contaba onte con 399 persoas cun diagnóstico positivo de coronavirus, segundo os datos facilitados polo  Sergas (http:coronavirus.sergas.gal/datos) e referidos ás seis da tarde do día 6 de xaneiro. Son unha ducia máis que o día anterior e suman catro xornadas consecutivas á alza, devolvendo as tres comarcas ás cifras próximas á entrada do Nadal. O día 22 de decembro contabilizábanse 446 e o número foi baixando ata que co comezo do ano produciuse un punto de inflexión. O comité clínico que analiza a evolución da pandemia e as medidas que se han tomar reúnese hoxe e espérase un endurecemento das restricións ante a suba xeralizada en toda Galicia.

A hospitalización si que rexistrou un claro empeoramento durante as festas. O día 22 había 37  personas ingresadas con Covid, 4 delas na UCI, e nos datos máis recentes esta cifra está en 47 (chegou a 51 esta mesma semana), con 3 en Coidados Intensivos.
Nestas últimas semanas continuaron tamén as defuncións, con sete persoas falecidas desde o 22, cando se contabilizaban 85, e onte, que había 92.

En canto a novos contaxios diagnosticados, estase tamén nun período de alza, achegándose de novo a unha media de 30 casos ao día na última semana (a 22 de decembro esta cifra esta na metade, en 15). O Sergas informou de 29 casos detectados por PCR en 24 horas. Neste eido, as probas volven subir, con 601 nos datos do día 6 (refírense á xornada anterior, ata as seis da tarde) e 458 nas cifras máis recentes.

Incidencia por concellos
A evolución por concellos é dispar, posto que As Pontes, que tivo un brote que situou a localidade como unha das máis afectadas de Galicia, empezou o Nadal xa en plena baixada e mantense agora cunha incidencia entre os 25 e os 50 casos por cada 100.000 habitantes e xa libre de peches.

En cambio Ferrol truncou a súa baixada e está xa por enriba dos 200 de incidencia acumulada e incluso Narón, cuxa melloría fixo que puidese baixar de restriccións altas a medias (con maior apertura da hostalería, aforos e reunións) empezou  tamén a incrementar os seus positivos e situáse por riba do 150 de IA. Fene, outros dos catro municipios con máis de 10.000 habitantes que hai en Ferrolterra, experimenta igualmente unha rápida subida, que a coloca, con máis de 250 de IA, nun nivel de alerta máxima.

Por debaixo dos 10.000 habitantes tamén se sitúan cunha alta incidencia Pontedeume e Cabanas, que superan os 300. No caso de concellos con pouca poboación, as pequenas oscilacións poden facer variar moito este indicador, pero a vila eumesa mantén tamén uns días de suba continua e varios meses en que as cifras de contaxios non acaban de baixar. De feito, estivo uns días baixo vixiancia especial por parte do comité clínico.

Alta nas Virtudes
Precisamente en Pontedeume produciuse o brote de Covid en residencias de maiores máis grave das tres comarcas, que afectou á maioría de usuarias e de traballadoras de Nosa Señora das Virtudes, coñecido como o asilo. Faleceron cinco residentes. Onte comunicábase a alta da última persoa que quedaba con diagnóstico positivo, polo que o centro –no que xa se inxectou a primeira dose da vacina– queda libre de Covid.

En toda a área sanitaria, o único caso que aínda está activo é o dunha persoa traballadora na residencia San José, en Piñeiros (Narón).

Ferrolterra sae do Nadal coa curva de casos de Covid á alza e con máis persoas hospitalizadas