Ofrenda floral e acto de homenaxe no Jofre en lembranza de Roberto Casteleiro “Caladiño”

Ofrenda floral e acto de homenaxe no Jofre en lembranza de Roberto Casteleiro “Caladiño”
Amigos de Casteleiro salientan a súa achega ao ensino e á cultura

Un grupo de amigas e amigos de Roberto Casteleiro, “o inolvidable Caladiño” –personaxe ao que deu vida na primeira longametraxe realizada en Galicia “Sempre Xonxa”, de Chano Piñeiro–, lembrarán a súa figura cunha serie de actos que terán lugar este mesmo sábado cun programa que incluirá un acto cívico ás doce da mañá no cemiterio de Catabois, cunha ofrenda floral e unha interpretación musical e poética e breves intervencións da organización e o Concello.
Pola tarde, a actividade trasladarase ao Jofre, onde a partir das 20.30 horas terá lugar un acto de homenaxe que comezará a proxección dun documental sobre a súa obra e vida.
Intervirán ademais persoas e institucións que glosarán diversos aspectos “deste ferrolán tan rico en actitudes e solidariedades”. Unha intervención poética e musical pechará o programa.
As invitacións para participar no acto pódense retirar, en horario da billeteira do Jofre. Entregaranse un máximo de catro por persona.
A homenaxe conta co apoio e colaboración dos concellos de Ferrol, Moeche, Ribadeo, O Barco de Valdeorras e Petín, así como de entidades como Ateneo Ferrolán, Fuco Buxán, Muíño do Vento, Filarmónica Ferrolana, Bartoleta Teatro, Memoria Histórica Democrática, Pequecoro e A.C. Apoian tamén a cita a Equipa de Normalización Lingüística do Conservatorio Profesional de Música “Xan Viaño” e os institutos “Concepción Arenal” de Ferrol e “Lauro Olmo” de O Barco de Valdeorras, así como os amigos do homenaxeado
Roberto Casteleiro Fernández “Caladiño” (Ferrol 1939-Barcelona 2016), de ascendencia mugardesa e ferrolá, estudou na Escola Obreira e Escola de Aprendices de Bazán, onde foi operario de Electricidade.
Foi un dos impulsores, nos anos 60, do Bacharelato Nocturno no IES Concepción Arenal, “o que resultou ser un paso moi importante de promoción educativa e cultural para os traballadores”, apuntan os impulsores do acto.

docencia
Participou das actividades do Cine-Club e do Teatro Estudio. Deixou Bazán e licenciouse en Historia pola Universidade de Barcelona. Nos anos 70 exerceu a docencia no IES Marqués de Suanzes (organizando a Biblioteca) e o Seminario de Graduados Sociais de Ferrol.
Aprobadas as oposicións como profesor de FP, exerceu no IES “Lauro Olmo” Barco de Valdeorras, no que dirixiu o grupo de teatro, para logo regresar a Ferrol, nos IES de Leixa e Carballo Calero ata a súa xubilación en 2001.
Foi, entre outras cousas, un dos impulsores do Liceo Rubia Barcia, creou o grupo teatral “O Castelo” de Moeche, participou como actor e co-director na montaxe “Unha batalla de Brión”. Foi nomeado en 1990 “Ferrolán do Ano” polo Concello de Ferrol.
A homenaxe quere contribuír a lembrar a súa memoria, recoñecendo ademais “a súa entrega ao mundo do ensino e ao fomento da cultura participativa, a través do cinema, o teatro, as letras, a música, as artes... e colaborando sempre cun sentido do protagonismo colectivo sobre o individual.

Ofrenda floral e acto de homenaxe no Jofre en lembranza de Roberto Casteleiro “Caladiño”

Te puede interesar