Música e teatro na homenaxe do CCG a Carvalho Calero no Jofre

Música e teatro na homenaxe do CCG a Carvalho Calero no Jofre
Exposición Torrente Ballester sobre Carballo Calero

Tralo obrigado parón provocado polo confinamento e logo do paso do verán, os actos en recoñecemento á figura do ilustre ferrolán Ricardo Carvalho Calero volven cobrar pulo. O homenaxeado das Letras Galegas neste 2020 marcado pola pandemia da Covid-19 será mañá mércores o protagonista da cita organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) para pór en valor as achegas do profesor e escritor á sociedade, cultura e lingua galegas.

O programa, que dará comezo ás 19.30 horas no Jofre, incluirá nunha primeira parte a presentación da “Farsa das zocas”, unha pequena peza teatral de Carvalho Calero que agora chega en edición facsimilar cun estudo introdutorio realizado polo profesor da Universidade da Coruña, Carlos Biscainho. Ademais, proxectarase o vídeo dunha montaxe da peza realizada pola compañía “A Quinta do Cuadrante”, a partir dunha dramaturxia de Tito Asorey.

Brotóns

Na segunda parte do acto, especifican desde o CCG, celebrarase o concerto do pianista Alejo Amoedo e da soprano ferrolá Patricia Rodríguez Rico, que interpretarán “Ferrol 1916”. Trátase dun poema do autor ferrolán –da súa obra “Futuro incondicional”– que serviu de base para a composición homónima realizada polo alacantino Miguel Brotóns, ferrolán de adopción e recoñecido autor entregado a musicar poemas, entre eles obras dunha ampla nómina de figuras relevantes da literatura galega de varias xeracións.

Nesta peza, Brotóns quixo transmitir “baixo unha estética musical de corte neoclásico e posromántico con pinceladas de nostalxia, agarimo e tenrura, os recordos pretéritos do paraíso perdido da infancia do poeta vividos na súa cidade natal de Ferrol”. Aínda que a estrea absoluta da peza tivo lugar no propio Día das Letras Galegas, a de mañá será a primeira vez que se interprete diante do público.

Relato popular

Con respecto a “Farsa das zocas”, o texto amosa, segundo o Consello, a un Carvalho Calero como autor teatral, “que garda a apariencia de teatro popular, ten moitas chiscadelas co teatro culto no expresionismo e na estilización da materia dramática”. A obra está baseada nun relato popular recollido en San Sadurniño. Ambientada na vida rural da posguerra, conta un drama familiar con interese económico como pano de fondo.

A cita de mañá no Jofre servirá de antesala do Concerto das Letras Galegas que o CCG celebra cada ano e que, desta volta, terá lugar tamén na cidade naval para render tributo ao autor ferrolán.

Ese día, o Taller Atlántico Contemporáneo, que neste 2020 fai dúas décadas de vida, interpretará un programa que incluirá, ademais doutros temas, unha composición do músico ferrolán Xan Viaño e outra de Nani García, esta última obra de encarga do Consello da Cultura Galega sobre versos de Carvalho Calero. l

Música e teatro na homenaxe do CCG a Carvalho Calero no Jofre

Te puede interesar