A sociedade Agarimo pon en marcha un concurso de teatro afeccionado

A sociedade Agarimo pon en marcha un concurso de teatro afeccionado
Diario de Ferrol-2013-10-17-012-c156e8b2

A sociedade cultural Agarimo, en Sillobre (Fene), ten unha ampla tradición teatral, disciplina que naceu coa propia entidade, a finais dos anos 70. Foi en decembro do 69 cando comezou a súa actividade escénica, da man de Andrés Picallo quen, 44 anos despois, e con 81 primaveras ás súas costas, segue dirixindo o grupo afeccionado, mentres que María del Carmen Martínez se fai cargo da ducia de rapaces que participan na escola. Os ciclos teatrais forman parte da súa programación anual, pero neste 2013 quixeron darlle un pulo especial, convocando por primeira vez un concurso. “O noso obxectivo principal é que o teatro afeccionado non deixe de existir”, apunta o presidente da entidade, Alberto Doce. “Atopámonos con que os grupos non teñen a onde ir actuar”, explica.
Media ducia de agrupacións, ademais das da propia sociedade, foron seleccionadas para participar, despois de difundir as bases entre unha trintena delas. Un xurado formado por sete persoas, incluído o alcalde fenés, Gumersindo Galego, con relación co teatro serán os que xulguen e decidan quen gaña os 600 euros destinados á mellor obra, os 150 para mellor actor ou actriz principal, e outros 150 para mellor actor ou actriz de reparto. Ademais, daránselles 250 euros ás compañías que veñen de fóra para axuda ó desprazamento. Estes gastos corren por conta de Agarimo, que espera contar tamén coa colaboración económica de Concello, Deputación e Xunta.
A primeira función será este sábado, ás oito da tarde, e correrá por conta da agrupación teatral Agarimo (está fóra de concurso, ó igual que o grupo de rapaces, que pechará o ciclo o 7 de decembro, data do fallo e entrega de premios). Representarán “Non me podo divorciar”, peza que estrearon este ano con motivo do Día das Letras Galegas.
O 26 de outubro tomará o relevo a compañía da asociación cultural Ateaco, da Coruña, con “Cóncavo-Convexo”, e o 2 de novembro, tamén da cidade herculina, chega a asociación El Biombo, con “Comedias chejovianas”. O grupo da Pombiña, en Pedroso, actuará o día 16 con “As feas tamén casan” e Arruallo, de Miño, chegará a Sillobre o 23 con “Historias dun banco”. “Que facemos coa herdanza?” é o título da obra que representan os veciños do grupo teatral Xosé María Pérez Parallé, do Círculo Unidade de Fene. E desde As Pontes chegan Quemaisten Teatro o 6 de decembro con “As herdeiras do sol”. Como remate, a escola teatral de Agarimo propón ós espectadores “Mamá, quero ser artista”, o sábado 7.
A entrada será gratuíta para tódolos socios da entidade organizadora. Os demais deberán pagar un prezo simbólico de un euro. n

A sociedade Agarimo pon en marcha un concurso de teatro afeccionado

Te puede interesar