A xornada de Entroido escolar convertiuse un ano máis nunha ventá aberta á creatividade e orixinalidade que emana das aulas. O traballo desenvolvido nas últimas semanas por alumnos e profesores atopou a súa recompensa non só entre os propios rapaces, encantados de lucir os seus exclusivos disfraces, senón tamén entre as familias, moitas das cales puideron achegarse ata os propios centros para compartir uns instantes da xornada.
A persistente choiva da mañá obrigou a mudar, nalgúns casos, os plans iniciais previstos, sobre todos aqueles que incluían desfiles no exterior, mais non conseguiu restar colorido a unha cita na que estiveron moi presentes os personaxes de populares contos infantís e fábulas.
Brancaneves e os sete ananiños, o soldadiño de chumbo ou a malvada Maléfica, entre moitos outros, tomaron vida durante unhas horas na vida dos escolares ferroláns.
fantasía
Seres fantásticos e mitolóxicos, pintores, debuxos animados ou o mundo do circo tiveron tamén o seu protagonismo en forma de elaborados traxes, mais tamén sobre o papel dos murais cos que algúns centros, como IES Canido, debuxaron para a ocasión.
En definitiva, caudal de cor, imaxinación e moito traballo para gozar dunha festa na que, por suposto, non faltaron as degustacións dos doces típicos da data, como orellas, freixós, rosquillas ou torradas.