Desde a creación dos primitivos arsenais ferroláns do século XVIII en A Graña ata a refundación dos estaleiros como Navantia, pasando pola época de decandencia de principios do XIX, o renacer da Revolución Industrial, os efectos das guerras do século XX ou a posta en marcha de Bazán tras a Guerra Civil. Este é o percorrido que, en oitenta minutos, abrangue o documental “O milagre de Ferrol”, o primeiro sobre a historia da construción naval dunha cidade “creada por e para a Marina” e que chegou a empregar no sector a máis de 12.000 traballadores que conseguiron colocar ás factorías locais como referencia a nivel mundial.
O traballo audiovisual, producido por Zenit Televisión coa participación da TVG e Agadic e a colaboración da Armada Española, preestreouse onte na sala Carlos III do museo Exponav.
Galardonado en 2013 co premio Luís Tilve á Investigación e Divulgación Científica, a peza foi producida por Zaza Ceballos e dirixida por Rogelio Abraldes. Na súa elaboración, que comezou en 2011, contouse ademais coa participación dunha decena de especialistas, entre os que se atopa o historiador e director do Centro Galego de Artes da Imaxe, Guillermo Escrigas, e que interveñen na gravación.
Esta institución foi una das que ademais cederon materiais dos seus arquivos para a produción, como as primeiras gravacións nos estaleiros, datadas a partir de 1913 e conservadas no devandito centro.
O Concello de Ferrol, as bibliotecas das universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, o Museo da Construción Naval de Ferrol, os museos navais de Ferrol e Madrid, o Ateneo e Navantia colaboraron tamén na achega do material gráfico, fílmico e bibliográfico que forma parte do documental.
Planos e bosquexos da cidade en diversas fases de crecemento, dos primeiros arsenais, modelos a gran escala dos barcos construido, imaxes de batallas navais como a Guerra de Cuba así como as imaxes e gravados que se conservan –as primeiras delas de 1858– enriquecen un proxecto de gran calidade e rigor histórico.
Así se puxo de manifesto onte no Concello de Ferrol no decurso da presentación do documental aos medios de comunicación, acto que contou coa presenza de Zaza Ceballos (Zenit), a directora da Crtvg, Rosa Vilas; o director de Agadic, Jacobo Sutil; o almirante do Arsenal de Ferrol, Javier Romero Caramelo; así como o alcalde de Ferrol e o concelleiro de Cultura, Jorge Suárez e Suso Basterrechea, respectivamente.
Algúns, como o almirante e o director de Agadic, animaron a poñer en marcha proxectos similares sobre historias e relatos “emocioanantes” que forman parte da historia da marina e dad cidade ferrolá e que aínda non foron contados. A estrea de “O milagre de Ferrol” será na Televisión de Galicia.