As asociacións veciñais de Serantes xúntanse de novo para homenaxear aos maiores

Sala de reuniones del Concello de Ferrol Presentación de la Festa dos Maiores de Serantes
|

As asociacións veciñais de Viladóniga, Pazos e Serantes únense esta fin de semana para render homenaxe aos maiores nunha festa conxunta que se celebrará por segundo ano consecutivo no recinto de FIMO e que conta de novo co apoio do Concello de Ferrol. Tal e como explicou onte na presentación pública o representante veciñal de Viladóniga, trátase dunha proposta coa que se dá continuidade a un evento que xa celebraban cada unha das entidades por separado. “O ano pasado acordamos facela xuntos por primeira vez, co apoio do Concello”, comentou José Manuel Freire.

A celebración será este sábado, 26 de outubro, ás cinco da tarde, na cafetería do recinto feiral. Fletarase un autobús para facilitar a asistencia. Sairá ás 16.30 horas da asociación de Pazos e pasará por Viladóniga e Serantes. Ao remate fará o percorrido inverso para devolver aos participantes a casa.

“O acto é sinxelo”, explica Freire. Trátase dun “agradecemento á traxectoria vital das persoas maiores de 80 anos porque eles representan todo un cúmulo de experiencia e de traballo que aproveitamos as xeracións que vimos detrás”. E é tamén unha maneira de animalos a “seguir contribuíndo” á vida da comunidade.

Representantes das asociacións veciñais participantes, xunto coa concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, presentaron no Concello a actividade, que inclúe unha aposta polo envellecemento activo como forma de mellorar a calidade de vida dos maiores. Estiveron presentes Enrique López Mosquera, de Pazos, e Luis Casas Trinidad, de Serantes. “Para nós é unha obriga participar neste tipo de actividades”, comentou a concelleira. Ademais, recordou que este mes de outubro se lle dedica aos maiores e unha iniciativa coma esta permite prestar máis atención á zona rural e ás súas dificultades específicas. “O colectivo de persoas maiores xeralmente se atopa en situación de vulnerabilidade e na zona rural é todavía maior”.

Homenaxe e música

A actividade comezará cunha charla do doutor Carlos Piñeiro centrada precisamente no envellecemento activo e os beneficios para a saúde de manter unha actividade física e mental acorde coa idade, así como unha dieta saudable. Despois deste acto divulgativo celebrarase a homenaxe aos maiores de 80 anos, con entrega de agasallo aos que se incorporan a esta década durante o 2019. Son unha decena de persoas.

Logo da parte formal será o momento de compartir unha merenda e de gozar coa música de Almudena Meijomil.

As asociacións veciñais de Serantes xúntanse de novo para homenaxear aos maiores