O Día de Galicia na Coruña (LXII)

O Día de Galicia na Coruña (LXII)
Sede do Circo de Artesáns na rúa San Andrés, na cidade da Coruña

Xa quedou dito que a corporación municipal de Vigo rexeitara unanimemente a petición irmandiña de que ondease na sede do Concello a bandeira nacional galega en datas sinaladas, como era a inminente do 25 de xullo, Día de Galicia.
Indiquei tamén que descoñecía se tal petición se tiña realizado noutros municipios e, de ser así, cal fora a resposta das respectivas corporacións, dado que na prensa que manexei nada atopei ao respecto. Como o voceiro A Nosa Terra tampouco dá información ningunha, sospeito que fóra da Coruña e Vigo non se deberon presentar solicitudes.
En definitiva, só a corporación da Coruña tería a ben facer ondear a bandeira do país no Pazo Municipal da Praza de María Pita, atendendo á petición formulada polo concelleiro nacionalista Luís Peña Novo.
Parece exemplo claro de que nada debeu haber fóra de Vigo e da Coruña o feito de que o daquela diario ferrolán El Correo Gallego, dirixido nesas semanas por dous militantes nacionalistas –Blanco Torres, que deixaba o posto, e Ramón Villar Ponte, que pasaba a ocupalo desde o 19 de xullo– nada dixese dese feito concreto das bandeiras nin fixese referencia a ningunha actividade galeguista en Ferrol. Limitouse á publicación, no número do día 24, do solto “El Día de Galicia” que comeza:
“El ‘Día de Galicia’, como se denomina desde el año pasado el del 25 de Julio, se celebrará en varios pueblos de la región con verdadero entusiasmo, según leemos en la Prensa”.
Mais a continuación nada refere sobre as celebracións neses “varios pueblos de la región” e non dá outra información que non sexa a das actividades na Coruña. En concreto di que “Por su parte el Ayuntamiento hará ondear, y esto es la primera vez que se efectúa- en su Palacio, la bandera gallega” e que “la ‘Irmandade da Fala’ propónese celebrar una velada en la que se pronunciarán discursos y se dará lectura al hermoso poema del genial Ramón Cabanillas, cuyo título es ‘O Cabaleiro do Sant Grial””.
Con todo, a información sobre o Día de Galicia que podemos atopar nas páxinas da prensa en xeral non é o que se pode dicir xenerosa, se ben a celebración tiña unha notable maior presenza que o ano anterior. A maior parte dos diarios algo acabaron dicindo. Penso que as conmemoracións do 25 de xullo, sen dúbida, perderon actualidade informativa por mor dos sucesos da guerra de Marrocos deses días, o desastre de Annual, a misteriosa morte do xeneral Fernández Silvestre..., que ocuparon as primeiras planas.
En xeral –a prensa compostelá incluía algunha outra–, a información que difundiron os diarios galegos centrábase nos dous feitos que, como acabamos de ver, destacaba El Correo Gallego: a presenza da bandeira galega no Palacio Municipal da Coruña e a velada literaria da Irmandade coruñesa.
O feito de que algunhas das informacións aparecidas nos diarios sexan moi semellantes –mesmo nalgún caso idénticas– lévanme a pensar que a Irmandade coruñesa debeu enviar unha nota ás direccións dos xornais e que estes respectaron ao pé da letra ou modificaron como mellor lles pareceu.
Velaí este solto, “El día de Galicia”, aparecido en El Regional / Diario de Lugo, do sábado día 23:
“Los gallegos que viven lejos de su país suelen consagrar el día de Santiago Apóstol á la tierra natal solemnizándola con fiestas. Los que aquí residen quieren que el 25 de Julio sea el día dedicado á Galicia, como ya viene siéndolo.
A tal efecto este año se celebrarán en muchas ciudades de la región actos que á ello tiendan.
En la Coruña se izará la bandera gallega con la nacional en el edificio del Ayuntamiento, accediendo á los deseos expresados por un edil en una de las últimas sesiones, y quizá en algunos centros, y se pretende que la banda de música de Isabel la Católica ejecute exclusivamente obras gallegas, alternando con el coro ‘Cántigas da terra’ que cantará en el templete foliadas, alalás y otras canciones regionales.
La ‘Irmandade da Fala’ celebrará una velada, que será á la vez de homenaje a Rosalía Castro, conmemorando el 35 aniversario de su muerte.
Se leerán el poema de Cabanillas ‘O cabaleiro do Santo Grial’ y poesías de la inmortal cantora de Galicia y algunos trabajos alusivos al acto y se pronunciarán discursos en loor de la región gallega.
Además se repartirá por las calles una hoja impresa”.
É, exceptuando algúns acentos, o mesmo texto que publicou El Orzán do día seguinte, isto é do domingo 24 de xullo. Esta identidade leva a pensar de que a nota enviada pola Irmandade tiña que estar redactada en español –posiblemente tamén en galego–, xa que doutra maneira, se os xornais tivesen que traducila nunca poderían ter sido iguais.
Dous días antes, o venres 22, este diario coruñés xa publicara o solto “Santiago Apóstol / El Día de Galicia”, indicando practicamente o mesmo dun xeito máis reducido.
Curiosamente, El Ideal Gallego dese mesmo día22, publicaba –en termos practicamente idénticos– a segunda parte da noticia, mais non facía nin a máis mínima alusión ao feito da prevista presenza da bandeira galega no pazo municipal.
Polo solto “El día de Galicia en Coruña”, aparecido no xornal Acción Coruñesa / Periódico defensor de los intereses de la capital de Galicia, do luns 25 de xullo, sabemos algo máis da presenza da bandeira galega na cidade: “La bandera gallega ondeó en el Palacio municipal, en el ‘Circo de Artesanos’, en la ‘Irmandade de Fala’ y en algunas casas particulares”, así como do acto literario reivindicativo da formación nacionalista:
“A las ocho de la noche, en la ‘Irmandade da Fala’, comenzará una velada, siendo pública la entrada, en la que harán uso de la palabra varios oradores y se dará lectura al poema de Cabanillas ‘O cabaleiro do Santo Grial’ y a un notabilísimo trabajo de Risco sobre Sant Yago.
También se leerán algunas poesías de Rosalía, rindiéndole un homenaje sentido a su venerable memoria”.
Reseñar, finalmente, que El Ideal Gallego do día 26 –”Compostela en fiestas / El patrono de España”–, informaba da chamada “Festa da raza”, que se celebraba en Santiago para conmemorar a coroación de Alfonso VII como rei de Galicia, celebración oficial presidida polo gobernador civil. Segundo di “duró tres horas y terminó cantándose el himno gallego por los coros regionales y los niños de las escuelas”. O xornal, non obstante, silencia o feito de que para esa “Fiesta da Raza Gallega envió una admirable cuartilla el leader del Nacionalismo D. Antonio Villar Ponte, director del semanario coruñés A Nosa Terra”, asunto do que informara, en “Nuestras fiestas patronales”, o diario El Compostelano do día 22.
Mal que ben, pódese afirmar que pouco a pouco os ideais do nacionalismo, malia a infinidade de atrancos, ían tomando corpo na sociedade galega: unha bandeira aquí, un discurso aló, un acto literario acolá...
Non obstante, a cada paso se fan máis visibles e patentes as discrepancias internas. A existencia de problemas semella evidente no moitas veces citado artigo de Antón Villar Ponte “Resposta a un e a moitos / Duas crases de galeguistas”, que viu a luz nas páxinas d’A Nosa Terra de 15 de xullo, dez días antes da celebración do Día de Galicia. Como sabemos, fala dos galeguistas “que queren camiñar de presa” e dos “que queren camiñar paseniñamente”, manifestando abertamente que confía máis nos segundos. Para el, “Os que queren camiñar de presa, ‘todos’ son de temperamento político. Os que queren camiñar paseniñamente cuasi que todos son de temperamento apostólico. Os primeiros profesan unha grande tolerancia para canto se lles oferce por diante. Os segundos profesan unha fonda intransixencia nas custións relacionadas c’o ideal”.
Entende que os galeguistas que queren camiñar de présa mostran “un desexo de chegar axiña, que proba que pensan mais no ideal da vitoria que na vitoria do ideal”, en engade: “A estes galleguistas, nós témoslles receio”. Xa que logo, consonte a isto, declara:
“Desconfiade, pois, irmáns, dos que queiran camiñar moi de presa. Y-ô decir desconfiade, non aconsello que se rechace a ninguén, senon, somentes, que se lles fite sempre, c’os ollos moi abertos, a cantos se laien das andarelas paseniñas e metódicas. En todo a maturidade chega â sua hora”.
Segundo pensa, esa maturidade aínda non chegara, habería que ila conformando xa que sen ela: “¿De que lle serviría â Galiza que o Poder Central déralle un réxime autónomo se o pobo nada fixera pol-o conquerimento d’ese réxime? Sería igoal que lle dare un avión a quen non sabe voare. Hai que sentir a autonomía para merecela. E non vos queipa dúbida que s’eisixe e se conquire”.
Cumpría, pois, facer apostolado previo á batalla política. A polémica estaba servida.

O Día de Galicia na Coruña (LXII)

Te puede interesar