As Pontes converte a Feira de Fungos e Cogomelos nun atractivo programa de actos

|

O próximo venres día 1 a XXIV Feira de Fungos e Cogomelos das Pontes ofrécese como atractivo para comezar a ponte de Todos os Santos. A actividade xa principia o xoves cunha saída ao campo, pero o venres un amplo programa inzará a vila de actividades desde as 9.00 horas. Así, comezará coa presentación das cestas de fungos a concurso ata as 11.00 horas, e unha posterior exposición ata as 14.00 horas.
Paralelamente celébranse as V Xornadas de Artesanía e na Casa Dopeso altérnase unha mostra de traballos escolares sobre micoloxía cunha exposición sobre cogomelos da artista Anna Katharina Koubek. Ás 12.30 horas entregaranse os premios das cestas na carpa do colexio Santa María, e desde esa hora ata as tres do serán poderá degustarse a un prezo de 10 euros un completo menú da feira. Xa ás 17.00 horas haberá unha clase maxistral na Casa Dopeso a cargo do cociñeiro Antonio Díaz e do micólogo José Cuba, e ás sete o humorísta David Amor ofrecerá un monólogo no auditorio Alovi. 

As Pontes converte a Feira de Fungos e Cogomelos nun atractivo programa de actos