O Club de Prensa organiza mañá un gran acto na Fundación NCG adicado a Xosé María Díaz Castro

O Club de Prensa organiza mañá un gran acto na Fundación NCG adicado a Xosé María Díaz Castro
Diario de Ferrol-2014-05-07-017-d2b30952

O Club de Prensa de Ferrol quere ser partícipe das actividades organizadas este ano ao redor da figura de Xosé María Díaz Castro (Os Vilares, Guitiriz 1914-1990), a quen se lle adica o Día das Letras Galegas.
Así, mañá ás sete da tarde a sede da Fundación Novacaixagalicia acolle un acto adicado ao poeta chairego con presenza de ilustres participantes e un programa que inclúe charlas, audiovisual e música.  No mesmo intervirán o crítico e profesor Armando Requeixo, habitual colaborador de Diario de Ferrol, estudioso da obra do homenaxeado e responsable da edición de varios traballos que recollen a poesía en galego do escritor, así como dunha biografía de referencia publicada pola editorial Galaxia. O acto tamén contará coa presenza de Alfonso Blanco Torrado, crego e activista cultural a través da asociación Xérmolos, e figura decisiva na recuperación do vate chairego de quen foi estreito amigo.
Así mesmo, o acto tamén contará coa participación de Xosé Antón Cascudo, director de cine e poetado, autor do documental “O instante eterno”, un recente traballo audiovisual que recolle aportacións de esgrevios literatos galegos sobre a figura e obra de Díaz Castro.
No eido musical actuará o cantautor mugardés Xoán Rubia, quen musicara xa hai anos o referencial poema de Díaz Castro “Penélope” e agora fixo o propio con outros textos do escritor e tradutor de Guitiriz. Os convidados serán presentados polo xornalista, presidente de honra do Club de Prensa e exdirector de Diario de Ferrol, Germán Castro, quen ademais é pariente de Xosé María Díaz Castro. A entrada ao acto é libre.

O Club de Prensa organiza mañá un gran acto na Fundación NCG adicado a Xosé María Díaz Castro

Te puede interesar