O Samaín alumea a noite máis negra

O Samaín alumea a noite máis negra
SAMAÍN CATABOIS

Catabois volveu ser outro ano máis o lugar cara o que mirar na tarde-noite do 31 de outubro para festexar unha celebración que ten ós mortos como eixo pero que sobre todo ten que ver cos vivos. Porque moita enerxía se necesita para participar no desfile das ánimas que, desde as oito da tarde, percorreu a estrada de Catabois con carrozas, música, actores e moito humor. Decoración en todo o barrio, concursos de cabazas, de caracterización e de colares de zonchos ou o concerto de Padel Rock foron algunhas das propostas que axudaron a ambientar o Samaín.
Non foi Catabois o único lugar no que houbo onte actividade relacionada con esta festa tradicional. Na biblioteca municipal da praza de España desenvolvéronse varios obradoiros para nenos. Tamén houbo Samaín no Inferniño, con confección de cabazas e maquillaxe e, despois, a “xira do medo”, un desfile pola praza que tamén levan anos facendo. Ademais serviron castañas asadas a tódolos asistentes.
En Narón, esta festa faise en San Mateo, con actividades durante a tarde para preparar o seu pasarrúas de tebras e tamén coa presenza de Paula Carballeira como contacontos. En Dolce Vita Odeón os protagonistas foron os nenos, cunha festa de Halloween a partir das seis da tarde.

cedeira
Durante o día de hoxe e na fin de semana continuarán as castañas, as cabazas e os contos de medo a acaparar a actividade en boa parte de Ferrolterra. En Cedeira, localidade que recuperou e bautizou o Samaín para toda Galicia, comezan con obradoiros de zonchos e globoflexia ás cinco da tarde, no Paseo da Mariña. Unha hora despois o grupo A Xanela do Maxín representa a obra de títeres Chincha Rabincha. A gran festa será mañá sábado, con actividades durante todo o día e un pasarrúas terrorífico, coa vila vella ás escuras, pola noite. O domingo aínda actuará Quico Cadaval.
E tamén mañá as celebracións serán en Santa Mariña do Vilar e en Esmelle (en Ferrol) e tamén e San Sadurniño, xa que Naraío e Igrexafeita fan uns magostos teatrais nos que se misturan as actuacións de Os Sete Magníficos Máis Un e de Bucanero cos desfiles de ánimas.

O Samaín alumea a noite máis negra

Te puede interesar