José A. Ponte Far: “Os grandes nomes da literatura universal estanse metendo na despensa dos recordos”

José A. Ponte Far: “Os grandes nomes da literatura universal estanse metendo na despensa dos recordos”
O novo libro de Ponte Far escolma 33 autores dos séculos XIX e XX | d. alexandre

Ao longo da súa vida profesional como docente de instituto, José Antonio Ponte Far foi detectando as carencias, cada vez maiores, do alumnado respecto dos grandes clásicos da literatura universal. Agora, co obxectivo de rescatalos da desmemoria á que están relegados nuns planos de estudo que cada vez minguan máis o seu espazo no currículo, publica en Medulia Editorial “Escritores universais”, unha guía para a iniciación na literatura con maiúsculas.

O libro está dirixido a un público concreto? 
Está enfocado principalmente ao ensino secundario, sobre todo ao bacharelato, porque neste nivel hai unha asignatura optativa, Literatura universal, na que se estudan estes escritores. Coa experiencia de ter dado esta materia no instituto, escribino nunha linguaxe sinxela, sen tecnicismos, apropiada para eses rapaces de 16 e 17 anos, pero coido que é útil para calquera lector interesado na literatura, é dicir, na obra e no coñecemento destes grandes escritores.

Ten a percepción persoal de que existe un gran descoñecemento sobre eles? 
Efectivamente. Estes autores estanse pasando á despensa dos recordos. Hoxe pregúntaslle a calquera rapaz ou mesmo a calquera universitario quen foi Steinbeck, por exemplo, e é probable que lle deas un susto tremendo: será un futbolista, un actor dunha serie de Netflix? Na escola, na universidade, na publicidade, na televisión e nos medios hai deixadez a respecto deses autores e non pode ser, pois son os grandes escritores, os de verdade. E en moitas librarías tamén é difícil que teñan esas grandes obras; a min pasoume co “David Copperfield” de Dickens, un clásico con altos valores humanos e literarios que as persoas da miña xeración liamos con devoción.
 

Cre que o alumnado actual ten unha base máis feble que as xeracións precedentes? 
Si, pero creo que a responsabilidade é compartida, desde os planos de estudo ata a propia dinámica educativa, porque, por exemplo, os profesores se someten moito aos programas en vez de ir un pouco por libre, que tamén sería necesario. Hoxe –e levamos xa nove leis de educación–, a literatura pasou a un quinto lugar: no bacharelato hai tres horas de lingua castelá na que se simultanea a gramática coa literatura, co cal por escritores como Antonio Machado ou Juan Ramón Jiménez pásase de puntillas. O descoñecemento é cada vez maior porque os currículos non axudan, e se isto pasa coa literatura española, imaxina o que acontece coa universal. Préstaselle moi pouco tempo. E non falo de literatura como memorización de obras e autores, iso é o de menos, senón como lectura e comprensión de textos. Este libro leva unha biografía ampla, curiosidades e anécdotas menos coñecidas, comentarios sobre as principais obras e fragmentos das máis representativas de cada un deles. É unha especie de brinde ao sol co desexo de sacalos do caixón do esquecemento.

Sen embargo, cada vez se publican máis libros... 
As editoriais son pouco selectivas e as librarías están inzadas de best-sellers, pero se pides un libro de Unamuno valo ter difícil. Creo que hai moito barullo, moito ruído e moi pouca selección e gusto polo que é a literatura. Deixámonos levar pola comodidade; hai pouco tempo e o que hai dedícase a ver películas e series ou ler unha cousa lixeira.

A literatura clásica require tamén un esforzo... 
Un lector non se forma de hoxe para mañá, require moitas lecturas, moito tempo para entender, saber valorar... Iso vaise facendo co tempo. Torrente, que era un gran lector, dicía que se salvara como lector porque desde os sete anos lía todo o que lle caía nas mans, todo, pero foi facéndose lector grazas a un freire do Tirso que o foi orientando no bacharelato coas lecturas. Porque o lector require unha guía, alguén que o aconselle. E isto pasa cos escritores novos. Para ser escritor, antes tes que ter lido moito, e para ler moito hai que saber ler, ter tempo e ás veces tamén saber sufrir porque hai novelas que non son fáciles. A min pasoume co “Ulises” de Joyce ou con “A montaña máxica” de Mann. Pero se os expertos dicían que eran fundamentais, que eran grandes libros, eu sabía que tiña que saborealos. E hoxe en día moita xente non está disposta a facer ese esforzo.

José A. Ponte Far: “Os grandes nomes da literatura universal estanse metendo na despensa dos recordos”

Te puede interesar