A CIG anima á sociedade civil a “amarrar o seu futuro” cunha campaña comarcal polo emprego

|

Baseándose na “situación de emerxencia social” que padece a comarca de Ferrolterra e apoiándose nos últimos datos da EPA, que elevan ao 30% a taxa de paro da cidade naval, a Confederación Intersindical Galega anunciou onte a posta en marcha dunha campaña que, co lema “Amarra o teu futuro”, pon enriba da mesa unha batería de propostas que “permitirían xerar emprego a curto prazo”.
Os secretarios comarcais da central nacionalista, Manel Grandal e Xesús López Pintos, presentaron onte a iniciativa que, segundo explicou este último portavoz, quer involucrar á sociedade civil non só para apoiar as medidas, senón tamén para que participen coas súas propias ideas.
Grandal xustificou a campaña coa afirmación de que a comarca “sofre un cancro que hai que atacar” para evitar que o “inmobilismo” e as políticas “reaccionarias” dos gobernos do Partido Popular a leven a unha situación irreversíbel.
O voceiro da CIG partiu da base de que “é obvio” que a solución está na “diversificación industrial” e na “aposta clara polo sector naval” e, nesa liña, demandou novamente a construción do dique flotante, “que podería encetarse xa porque os proxectos xa están feitos”. Tamén aludiu Grandal ao “fiasco” do Plan Ferrol e á actitude do goberno galego a respecto dun sector cun gran potencial e que leva moitos aos paralizado por cuestións políticas, o eólico.
A actividade madereira, a creación do Centro Tecnolóxico do Naval –lembrou que Navantia non ten convenio ningún coa UDC–, o establecemento dunha tarifa eléctrica competitiva para as empresas da zona –abortando o perigo que poida haber sobre Poligal e Megasa, entre outras–, o reforzamento da formación coa implantación de ciclos de Formación Profesional que non hai na actualidade son outras medidas propostas pola CIG.
O programa complétase coa necesidade de darlle máis pulo á rehabilitación, unha política de transportes racional –non hai conexión de transporte público cos polígonos e os tempos de viaxe por tren á Coruña son inasumíbeis– e a rexeneración da ría de Ferrol para duplicar o número de empregos no sector. 

A CIG anima á sociedade civil a “amarrar o seu futuro” cunha campaña comarcal polo emprego