“Ferrol ten un valiosísimo patrimonio material e natural, así como equipamentos educativos como a Aula de Ecoloxía Urbana, Aquaciencia ou museos como a Sociedade Galega de Historia Natural que non teñen outras cidades con máis sona”. Quen así fala e Xosé Manuel Rosales, coordinador do Proxecto Terra promovido desde o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) desde o ano 2000 coa finalidade de achegar a arquitectura e a identidade territorial aos escolares galegos.
Uns 300 rapaces de diferentes puntos da xeografía galega terán este curso a oportunidade de descubrir algunhas das potencialidades da urbe naval nas sete visitas programadas entre abril e maio. O IES Neira Vilas de Oleiros inaugurou onte o calendario cunha xornada que incluíu paradas en Aquaciencia, a Aula de Ecoloxía Urbana do Cantón –lugar no que os participantes foron recibidos polo alcalde, Jorge Suárez, e a concelleira de Urbanismo María F. Lemos–, o museo da Construción Naval de Exponav, un paseo en lancha pola ría e visita ao castelo de San Felipe.
Estas dúas últimas propostas son costeadas polo Concello de Ferrol no marco do convenio de colaboración que precisamente onte suscribiron no despacho de Alcaldía o rexedor ferrolán, Jorge Suárez, e o decano do COAG, Antonio Maroño.
O CPI de Xanceda (Mesía) e os IES María Sarmiento (Viveiro), Mariñas (Betanzos), Río Cabe (Monfero) ou Perdouro de Burela visitarán tamén á cidade.
A de Ferrol –que contempla a opción de gozar nun segundo día das Fragas do Eume– segue a ser unha das visitas máis solicitadas e que máis interese suscitan entre a comunidade educativa. “Para nós Ferrol é un dos obxectivos prioritarios”, comenta Rosales. Os percorridos pola cidade ferrolá desenvólvense da man da empresa local Fertur Servicios Turísticos. Xunto a esta visita, o Proxecto Terra inclúe outras cidades e vilas galegas e portuguesas dentro da súa oferta de itinerarios. Nelas participarán algúns centros da comarca. O Jesús Maestro, precisamente, comezou onte a súa actividade de dous días nun dos tramos do Camiño de Santiago. O IES Terra de Trasancos desprazarase a Guimaraes o o IES de Mugardos a Lugo.
Nas visitas e intercambios do Proxecto Terra participaron nos últimos doce anos 45.000 escolares de 140 centros galegos de 95 concellos diferentes.