O próximo 27 de setembro, venres, ás 20.00 horas, o salón de actos do Ateneo Ferrolán acollerá unha asemblea xeral extraordinaria da entidade coa proposta na orde do día de fixar a data de apertura do proceso para convocatoria de eleccións á xunta diretiva.
O actual presidente da entidade cultural, Ramón Veloso, destaca que é o normal e o legal “xa que van cumprirse os dous anos de funcionamento da actual directiva e xa toca, antes de fin de ano, convocar as eleccións para a súa renovación, se procede”, comenta.
Preguntado acerca de se ten pensado presentarse á reelección como presidente do Ateneo, Veloso manifesta que aínda non o ten decidido.
Fuco Buxán e chile
O salón de actos do Ateneo Ferrolán acolle o próximo xoves, ás 20.00 horas, unha conferencia organizada pola asociación cultural Fuco Buxán dentro dos actos do 40º aniversario do golpe de Estado en Chile. Así, celebrarase unha conferencia que, baixo o título de “Neoliberalismo, a democracia asediada”, impartirá Omar Contreras, presidente de Cosal (Comité de Solidaridad con América Latina), quen falará das claves históricas do Chile de 1973 e da situación de Salvador Allende para trazar unha analoxía co que sucede na actualidade en varios países do mundo.
Neste acto tamén se proxectará un audiovisual sobre o golpe militar chileno liderado por Pinochet con lectura de textos a cargo de Lorena Calaza e Susana González. A cinta leva por título “Para que la memoria no se duerma, para que la memoria no se muera”.