O barrio de Canido celebrará este ano a festividade de San Xoan cun programa no que terán cabida diferentes actividades impulsadas pola Asociación Veciñal “O Cruceiro”, do barrio e a asociación cultural Muíño do Vento. A primeira desenvolverase mañá martes, a partir das 20.00 horas no Centro Cívico de Canido. Consistirá nunha conferencia titulada “Ide bruxas e curuxas, é a noite de San Xoán”, a cargo do historiador e profesor Luis Antonio Giadás Álvarez.
Será este un bo xeito de dar o pistoletazo de saída a unha programación que continuará o venres, xa desde a media tarde.
Así, ás 18.00 horas terá lugar un roteiro de recollida de flores e herbas de San Xoán, o que permitirá a todas a persoas interesadas gozar dun paseo botánico polo barrio para cumprir ademais cunha das tradicións da máxica noite: deixalas en auga durante todo a noite para o día seguinte empregala para lavar a cara. A saída terá lugar desde o Centro Cívico e durará aproximadamente unha hora. Este roteiro desenvolverase en colaboración coa Sociedade Galega de Historia Natural.
Ás 21.00 horas será a quenda da sardiñada para ás 22.00 horas dar comezo o concerto musical de “rock antidepresivo” do grupo Auténticos Farsantes.
Ás 23.30 horas partirase desde o Centro Cívico ata a explanada do cemento –percorrido que irá acompañado por unha treboada a cargo do grupo de percusións da ASC Muíño do Vento coa colaboración do Padrado da Cultura de Narón– para proceder ao encendido la lumieira coa música da Cuadrilla.
E por se isto non fora pouco, o sábado continuará a actividade arredor da festividade cunha “lavada colectiva de cara” prevista para as 10.30 horas –que incluirá ademais un almorzo en comunidade– e unha nova conferencia, ás 21.00 horas, de Antón Cortizas baixo o título “A noite máxica de San Xoán e as trece palabras retorneadas”.