Artesanía e música local encherán o Torrente Ballester na Feira do Nadal

Artesanía e música local encherán o Torrente Ballester na Feira do Nadal
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-a620c7d4_1

O centro Torrente Ballester converterase durante a fin de semana do 26 e 27 deste mes nun perfecto escaparate para amosar a riqueza creativa da actividade cultural da cidade. Este é un dos principais obxectivos da I Feira de Nadal da Cultura Local que baixo a denominación de Escaparte promove a Concellería de Cultura dirixida por Suso Basterrechea.
A proposta, cuxo orzamento achégase aos 9.000 euros, chega ademais coa intención de consolidarse en vindeiras edicións coa finalidade de dinamizar o tecido artístico máis tamén a actividade nos propios espazos culturais da cidade.
Así ocurrirá no propio Torrente, cuxas portas abriranse nesta ocasión aos 15 postos que darán forma a unha mostra de artesanía con presencia das áreas de decoración, moda, textil, papelería, escultura, cerámica, ilustración, vidrio, fotografía e collage dixital.
Na selección dos participantes primáronse factores como a orixinalidade, adicación, recoñecemento, imaxe, presentación do produto e calidade dos materiais. Así o explicaron, xunto ao propio Basterrechea, Laura Cunha e María Farias, de Andaravía, unha cooperativa cultural galega de recente creación que aposta pola artesanía contemporánea, facendo do traballo manual unha forma de vida e tamén a súa aposta de negocio a través da fórmula do emprendemento.

concertos
O programa completarase ademais con música e obradoiros para os máis pequenos da casa. No que atinxe ao primeiro dos aspectos, Escaparte incluirá cinco concertos a cargo de grupos locais. O sábado, ás 12.30 horas, será o turno para o swing de Cabe García e Juan Padín (Les Swingtomatiques), aos que xa pola tarde, ás 17.00 horas, sucederán Abuin&The Iruk Small (rap); e ás 19.00 horas Rubén Artabe. Na xornada do domingo, abrirá o cartel o folk de Böj –ás 12.30 horas– para xa pola tarde –19.00 horas– pechar o programa musical o electropop de Carrero Bianco.
Para o público infantil deseñáronse dous obradoiros gratuítos nos que os rapaces terán a oportunidade de elaborar unha coroa de Nadal coa responsable de “Rita-Rita” –sábado ás 18.00 horas– ou pintar en tea da man de “A Vella Fábrica de Lápices” –o domingo á mesma hora–.

coloquios
A inciativa incluirá así mesmo dous coloquios. O previsto para o día 26 xirará arredor da artesanía e o emprendemento, coa participación da firma “Nicanora Confeccións”. Ao día seguinte, o profesor Manolo González falará de cine e da iniciativa do Chanfaina Lab de San Sadurniño. 
A proxección –o domingo ás cinco da tarde– de cortos e vídeos con cruño ferrolán –os de Peque Varela, Rubén Coca, Carlos A. Quirós e Juanpa Ameneiros–  completarán unha feira que contribuirá a dignificar e poñer en valor aos artesáns e a encher de vida as instalacións e xardín dun espacio cultural idóneo para a celebración de futuras citas nesta liña. 

Artesanía e música local encherán o Torrente Ballester na Feira do Nadal

Te puede interesar