A compañía teatral Ghazafelhos reivindica a igualdade de xénero con “Iriña bailarina”

A compañía teatral Ghazafelhos reivindica a igualdade de xénero con “Iriña bailarina”
Diario de Ferrol-2015-06-10-013-d8e83c82_1

Estes días a compañía local Ghazafelhos segue a ultimar a súa última obra que estreará o próximo venres ás 19.30 horas na Casa da Cultura de Pontedeume. Trátase de “Iriña bailarina”, que fai a estrea número 15 desde que o trío comezara a súa historia hai nove anos. Pepablo Patiño, Montse Piñón e Jorge Casas recuperan un texto de Cristina Justo e Paloma Rodríguez publicado na colección “A igualdade conta” de Edicións Embora sobre a igualdade de xéneros e a necesidades de rachar cos estereotipos existentes.
Para Pepablo Patinho “a historia é moi sinxela, para nenos e nenas e a partir de tres anos, e o que fixemos foi darlle máis profundidade aos personaxes. Estes son unha bailarina que vive nunha caixa de música e come mazás, un futbolista de futbolín e un pirata. Todo comeza nunha convención de bailarinas de caixas de música. A partir de aí o que facemos é darlle unha volta a todo, aos personaxes, ás roupas e aos roles de xénero. Amosarlle aos nenos que todos somos iguais independentemente dos nosos gustos, a nosa talla, e que as normas estéticas non importan”. Neste sentido, o actor e dramaturgo lembra que tiveron en conta os comentarios de algunhas nais: “queixábanse de que había que rachar o modelo princesa de ‘Frozen’, moi guapas, e estilizadas, e que ten que haber de todo e todo está ben”.

contido educativo
Como adoitan nos seus espectáculos, Ghazafelhos intensificou o didáctico da historia: “Gustaríanos que esta obra puidera servir para traballar en colexios e na casa, porque a súa mensaxe sobre o cambio de roles é moi evidente. Ademais de educativa é moi fácil de montar, serve para todo tipo de espazos”, conta.
En canto á mensaxe, o actor e director salienta: “Nós non queremos adoutrinar, senón amosarlle ao público, aínda que sexa cativos, a que saque as súas propias conclusións. É mais, tampouco xogamos no terreo do politicamente correcto, que a veces está próximo á autocensura, así que incluso en ocasións buscamos o politicamente incorrecto. Non queremos mastigarlle aos nenos as historias nin falar de mundos ideais, senón traballar con este mundo, co bo e malo que ten”.

estilo propio
Autor de boa parte dos textos das obras de Ghazafelhos, Pepablo fala do estilo da súa compañía verbo da autoría desta historia a cargo de Cristina Justo e Paloma Rodríguez. “A verdade que non importa demasiado de quen é a obra porque nós as atraemos ao noso estilo, que ten toques de humor, pillería, inocencia, sinceridade... e algo de gamberro. Tratamos de levar todas as obras ao noso propio terreo que é o dun público familiar”, relata.
A maiores desta estrea, á que seguirán actuacións en Allariz e Narón, Ghazafelhos vai estrear en verán outro espectáculo, “As mil e unha noites”, unha peza de rúa que tanto estimula ao trío porque “na rúa ti es quen tes que atraer aos público, vas a por el e tes que gañalo”.
A compañía local recoñece que nesta época de crise –“aínda que en realidade o teatro sempre estivo en crise para o noso gremio”–, eles son un privilexiados. “A verdade é que actuamos moito e en todo tipo de espectáculos, propios, musicais e o que fixera falta. Saímos por toda Galicia e aínda temos en cartel dez das 15 obras que estreamos. Pero está claro que facemos o que nos gusta e o que cremos que lle gusta ao público”.

A compañía teatral Ghazafelhos reivindica a igualdade de xénero con “Iriña bailarina”

Te puede interesar