Ferrol equipara a biblioteca central coa das outras cidades galegas

Ferrol equipara a biblioteca central coa das outras cidades galegas
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-07913a06

A biblioteca de Ferrol contará este ano con 40.000 euros máis no seu orzamento, os que aporta a Consellería de Cultura a través dun convenio que onte se firmaba na Casa do Concello. Esta cifra supón un incremento dun 80% nos recursos dispoñibles para a adquisición de libros (34.000 euros) e multiplicar por tres o financiamento das actividades de animación que se levan a cabo nas instalacións da praza de España (6.000 euros), segundo asegurou o alcalde, José Manuel Rey Varela.
Esta achega extraordinaria (o conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, subliñou varias veces que era a primera ocasión na que se asinaba) realízase para equiparar a biblioteca da cidade coas das outras seis urbes galegas. Esta igualación farase efectiva cando entre en vigor o novo Mapa de Bibliotecas de Galicia, no que pasará a ter a nova denominación de central territorial e, polo tanto, incluirase automaticamente nos orzamentos da Consellería. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, afirmou que este Mapa aprobarase durante o verán ou antes. Mentres tanto, esta aportación permitirá a Ferrol estar, de feito, nese grupo de centros de referencia, e así mellorar uns servizos que xa ofrece.
“Cremos que as bibliotecas públicas deben ter un protagonismo central dentro da política cultural das comunidades locais e, para isto, deben ofrecer unha carta de servizos ampliados de carácter informativo, educativo e sociocultural”, afirmou o conselleiro.
O alcalde, José Manuel Rey, valorou que con este acordo se poña “punto final a esa aspiración que se tivo na cidade ó longo de moitos anos”. Remarcou que desde o Concello “apóstase polo servizo de bibliotecas” e por avanzar en ámbitos como o da atención ó público “tan pronto quede superada a limitación de contratación de persoal das administracións”. Isto podería permitir que a biblioteca central abrise tamén os sábados.
Lembrou tamén o alcalde as cifras absolutas do centro no ano 2014, no que se realizaron 85.000 préstamos de libros. En total ten 26.653 socios e 103.000 volumes.

Ferrol equipara a biblioteca central coa das outras cidades galegas

Te puede interesar