No marco da programación deseñada polo Concello de Narón para este Nadal, o sábado celebraranse dous eventos xa tradicionais no calendario do municipio. A primeira delas é a que, un ano máis, impulsa o Moto Club Fojeteiros. Trátase da XI Xornada Moteira Solidaria que partirá ás 16.30 horas da Praza de Galicia, desde onde continuará pola estrada de Castela, Santa Icía, A Gándara, O Alto e Xuvia. Formará parte da expedición moteira o propio Papá Noel, que a partir das 17.30 horas recibirá aos nenos e nenas que se acheguen á Praza de Galicia.
Os moteiros que acudan con roupas ou elementos decorativos propios destas datas recibirán unha consumición de balde.
Pola súa banda, as persoas que colaboren co Centro de Recursos Solidarios de Narón a través da entrega dun quilo de alimentos non perecedeiros, un xoguete ou roupa serán convidados a un chocolate.
Así o explicou onte o presidente de Fojeteiros, José Antonio López Quintián, no decurso da rolda de prensa na que se deron a coñecer os detalles das dúas citas do sábado e na que estivo acompañado polas concelleiras de Festas e Benestar Social, Natalia Hermida e Catalina García.
Lodo desta actividade, tamén na Praza de Galicia, será a quenda para a música, da man do festival “Rock Narón”, unha das citas tradicionais promovidas polo goberno local. Os concertos, que se desenvolverán a partir das 22.00 horas, desenvolveranse baixo a carpa instalada na zona. Correrán a cargo dos grupos Alma de Piedra, Black Jack e Claxxon e a entrada é totalmente de balde.
Outras citas
A fin de semana incluirá tamén outras citas festivas no municipio naronés, como o Concerto de Nadal Solidarium que o sábado reunirá no Auditorio Municipal ao Coro Solidarium do IES Terra de Trasancos, o Coro Da Capo Solidarium e o Coro Peque Solidarium do Concello de Narón. Para asistir deberanse coller as invitacións que se entregarán na billeteira do Auditorio a partir das 11.30 horas. Esta proposta terá tamén un fin solidario e recolleranse alimentos non perecedeiros para entregar ao Centro de Recursos Solidarios.
Pekemusical
Tamén haberá propostas durante a fin de semana no maior contenedor cultural do concello, o Pazo da Cultura. Alí terá lugar mañá venres, ás 18.00 horas, “El Pekemusical de Navidad”, da compañía Tertulia Producciones.
O sábado será a quenda para o concerto de presentación de “Noró”, o novo traballo de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre (20.00 horas), para continuar a programación o domingo, ás 19.00 horas, cun concerto de música góspel con The Mississipi mas Choir.
As entradas para cada un dos espectáculos poden adquirirse na billeteira do Pazo ou na web do Padroado da Cultura (www.padroadodecultura.es).
Continúan así mesmo os obradoiros de “Prazas Vivas” con obradoiros de graffiti, de chapas, globoflexia, pintacaras ou decoración de carrozas da Cabalgata Solidaria. Mañá venres será no paseo marítimo de Xuvia (en caso de choiva trasladarase ao Centro Cívico Social) e o sábado en Freixeiro, no parque do río (en caso de mal tempo será no Centro Cívico do barrio). l