A asociación cultural Muíño do Vento de Canido ten un dos concursos literarios máis singulares, o de textos de contraportada, un xénero que ilustra ao lector sobre o contido dun libro. O obxectivo do certame, ademais de promover a calidade dos textos que acompañan os libros nas contraportadas e lapelas, é dar a coñecer a literatura infantil e xuvenil galega entre os lectores novos. Na súa terceira edición o xurado do III Premio “Muíño do Vento” de Textos de Contraportada, formado por María José Ces Rioboo, Carmen Cuesta García, Ánxeles Pernas García e Antonio Yáñez Casal, que actúa en calidade de secretario, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas os textos das obras “Acariciando o ceo”, de Fernando M. Cimadevila; “Erik o construtor de soños”, de Kike Gómez e Dani Padrón, e “Pasen e miren”, de Dani Padrón e María Canosa, estes últimos editados polo ferrolán Pablo Zera no seu selo Bululú .
cerámica e libros
Haberá un único premio consistente na peza representativa do certame, obra da ceramista Susana González Amado. Muíño do Vento destinará a cantidade de mil euros (1.000 euros) á compra de exemplares da obra gañadora, que serán distribuídos entre centros educativos. A entrega do premio terá lugar o día 2 de maio no transcurso dun acto músico-festivo no lugar do barrio onde estean presentes os maios participantes na festa dos Maios, no barrio de Canido.