A Xunta emprega 400.000 euros na modernización do Centro de Menores

A Xunta emprega 400.000 euros na modernización do Centro de Menores
Un pequeno residente no centro ferrolá, na área de xogos. O complexo ten como finalidade a atención e protección dos menores que se atopan en situacións de desamparo familiar jorge meis

O Centro Ferrol I forma parte da rede de equipamentos para a protección de menores de titularidade pública ou financiados con fondos públicos que ten en servizo a Xunta de Galicia, que conta con 76 centros distribuídos nas catro provincias e que suman un total de 1.180 prazas. O Ferrol I, de titularidade e xestión pública, conta con 39 prazas de internamento e 10 de atención de día.
A administración autonómica, a través da Consellería de Política Social, destina este ano máis de 1,5 millóns de euros ao funcionamento deste equipamento. Esta cifra supón un aumento do 13% con respecto ao exercicio anterior de 2015. Pero aínda máis significativo que este incremento orzamentario é o investimento acometido este ano pola área social que dirixe Jose Manuel Rey Varela: un total de 400.000 euros para a mellora e modernización das instalacións.
Así, o proxecto de reforma do centro contempla o cambio de carpinterías exteriores e cristais, a substitución dunha caldeira e diversas obras de reparación e mantemento como: a reparación do tellado, o pintado da zona de escaleiras, o acondicionamento dos cuartos de baño e do vestíbulo, e a ampliación do vestiario do persoal. Así mesmo, adquiriuse o equipamento necesario para o funcionamento do servizo, xoguetes didácticos e repúxose o material necesario para que os residentes poidan continuar cos adestramentos de traiñeiras.
O Centro Ferrol I, xunto co San José de Calasanz da Coruña, funciona como complexo de referencia na provincia da Coruña para ingresos urxentes de nenos e nenas de 7 anos ou máis. Ademais, na práctica asume con máis intensidade que outros centros a atención a menores con necesidade de intervención terapéutica, dada a proximidade á Unidade de Investigación en Intervención con Familias (UIICF) da Universidade da Coruña.
Ademais do persoal de servizos, o centro dispón dun equipo multidisciplinar formado por 23 persoas. As problemáticas que atenden teñen o seu contexto e orixe inmediato nun medio familiar e social marcado pola existencia de déficits económicos, sociais e culturais, dándose en moitos casos o desamparo destes menores.
Ferrol I centra o seu traballo na busca de técnicas e formas de organización que permitan o desenvolvemento integral dos usuarios. Para elo, leva a cabo accións diversas entre as que destacan os programas de mediación e orientación familiar e de educación para a saúde, así como os obradoiros de habilidades sociais e de educación en valores.
Na actualidade, a Xunta de Galicia ten a ao redor de 2.000 menores baixo a súa protección en diferentes modalidades: tutelados ou en garda, exercida mediante o acollemento residencial ou acollemento familiar. Considerase prioritario que o neno poida permanecer na súa familia extensa, ou, se esta non existe ou non é axeitada para facerse cargo del, nunha familia acolledora allea. Só cando estas opcións se desbotan se acude ao ingreso nun centro.
Ademais, preténdese que a estancia nos centros e, en xeral, a separación dos pais, sexa o máis curta posible, para o que dende o primeiro momento se traballa de cara a reintegración do menor na familia, intentando superar aquelas causas que motivaron a asunción da medida de separación. n

A Xunta emprega 400.000 euros na modernización do Centro de Menores

Te puede interesar