Preto de 140 alumnos de 52 centros públicos miden desde onte as súas destrezas en 26 modalidades diferentes no marco das Olimpíadas galegas de Formación Profesional Galicia Skills, cita impulsada desde a Consellería de Educación e da que sairá o equipo que representará á comunidade na proba estatal.
O recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, acolle as competicións nas que os estudantes teñen que facer fronte a tarefas relacionadas cos ses respectivos ciclos (carpintaría, coidados auxiliares de enfermaría, ebanistería, mecatrónica, deseño mecánico ou pintura do automóbil, entre moitas outras). Trala xornada de onte, as probas continuarán hoxe para mañá venres coñecerse os nomes dos gañadores.
Centros
A comarca de Ferrolterra conta con un total de trece alumnos na competición: sete do CIFP Ferrolterra, dous do IES Ortigueira e un no caso dos institutos Leixa, Fene, Fraga do Eume e Rodolfo Ucha Piñeiro.
A maiores da súa participación no certame, quince centros ocúpanse tamén dos servicios do evento. Así, por exemplo, o Fraga do Eume encargarase da elaboración do cóctel da gala de clausura mentres que o Leixa realizou os traballos de impresión do equipamento dos participantes e material de uso nas competicións. Tamén ofrecerán diferentes obradoiros, como o de robótica do CIFP Ferrolterra e o de Artes Gráficas do IES Leixa.
A subdirectora xeral de FP, María Eugenia Pérez, salientaba onte a gran oportunidade que a cita supón para poder visibilizar o interesante traballo que se fai nos centros de Formación Profesional, unha opción académica que duplicou, segundo dixo, o número de matriculados na última década, situando a Galicia entre as comunidades autónomas con maior porcentaxe de alumnado nestes estudos.
O Galicia Skills convértese ademais nun perfecto escaparate a través do que moitos alumnos teñen a oportunidade de achegarse ao traballo que se fai nos ciclos formativos. Así, o campionato contará coa visita de arredor de 5.500 estudantes de diferentes niveis educativos para presenciar as competicións en cada especialidade e participar tamén nos obradoiros programados.