“Os Consellos de Guerra condenaron ós cregos por predicar en vasco ou votar o Estatuto”

“Os Consellos de Guerra condenaron ós cregos por predicar en vasco ou votar o Estatuto”

Anxo Ferreiro Currás presenta mañá mércores, ás oito da tarde, en Sargadelos, o libro “Consejos de Guerra contra el Clero Vasco (1936-1944). La Iglesia Vasca vencida”, nun acto organizado por Fuco Buxán e coas intervencións do autor e de Enrique Barrera e José Torregrosa.
Trátase dunha investigación sobre os relixiosos represaliados polo franquismo que formaba parte en principio dunha pesquisa en todo o país e que, dado o volume de información que atopou, principalmente no Arquivo Militar de Ferrol, converteuse nun libro especial dedicado ós vascos. “Encontrei tal cantidade de causas que me saiu, non un capítulo, senón un libro”. Ademais, Ferreiro destaca a sintonía que ten cos curas vascos, ós que coñeceu no seu paso pola prisión, como parte dos párrocos obreiros que defendían a democracia e os dereitos dos traballadores no final do franquismo.
Os estudos falan de Clero Vasco, en maiúsculas, para referirse a todo un colectivo que “loitou por manter a democracia e que obedeceron á autoridade republicana”. Sufriron xuízos, cárcere, desterro e exilio e tamén algúns foron fusilados. No libro Anxo Ferreiro reconta un mínimo de 20 asasinados, 3 condenados a morte (non executados), 15 sentenciados a cadea perpetua e outros a penas de entre 20 e seis meses. “Os Consellos de Guerra son moi interesantes porque condenan ós cregos por predicar en vasco, por votar o Estatuto de Autonomía ou por ser capelláns de gudaris, que algúns fórono voluntariamente e outros porque tiñan a obriga de asistir ós soldados nas frontes”, comenta este investigador de Vilalba, que en 1967 veu de párroco a San Xoán de Filgueira e que despois se secularizou e casou.
Este clero represaliado foi recoñecido pola igrexa do País Vasco en xullo de 2009. “Foi unha celebración moi bonita de perdón e de humildade á que non acudiu ningún bispo da Conferencia Episcopal de fóra de Euskadi”, explica Ferreiro. Falta unha homenaxe ós mártires como a beatificación que se celebrou en Tarragona este mesmo mes e que precisamente por iso suscitou tanta polémica. “Non se vai contra iso nin moito menos, pero é importante que a Igrexa fomente o perdón e que tamén pida perdón por ter colaborado coa represión franquista”.

“Os Consellos de Guerra condenaron ós cregos por predicar en vasco ou votar o Estatuto”

Te puede interesar