Ferrol reivindica a súa orixe medieval cunha feira chea de actividades

Ferrol reivindica a súa orixe medieval cunha feira chea de actividades
Ferrol Vello. Inauguración Feira Medieval

O Ferrol Vello medieval e mariñeiro reivindícase esta fin de semana en Ferrol coa celebración dunha feira que tradicionalmente inaugura o agosto na cidade. Durante estes días, a praza Vella, a alameda do Carbón e as rúas Rastro, San Francisco e Benito Vicetto albergarán postos con produtos artesanais de todo tipo, incluíndo alimentación, afeites para o corpo, xoiería, xoguetes  ou textil. Xoán Rubia, acompañado polo edil Antonio Golpe, encargouse de dar o pregón inaugural, mimétizandose co entorno grazas ao seu traxe de cabaleiro do século XIII.

Na súa intervención, Rubia contou lembranzas propias, falou das andanzas da soldadeira María Balteira e reivindicou a recuperación do barrio con traballo e unha mirada optimista cara ao futuro. El cruzaba cada día a ría na lancha, desde Mugardos, para asistir ás clases no instituto (agora o Concepción Arenal). Desde o porto subía pola rúa San Francisco e percorría todo o centro. “Coñecía Ferrol Vello como a palma da man”, apunta. Incluíndo o quiosco no que mercaba os tebeos “Pequeño pantera negra”, o pan de catro cornechos ou o bar Dopico no que quedaba a xantar co seu pai cando o temporal impedía o tránsito normal entre as dúas bandas da ría. “Era un Ferrol Vello que aínda tiña vida pero xa empezaba a súa inexorable decadencia”, di. 

Ese Ferrol da súa memoria inclúe, como non pode ser doutra forma con Rubia, a música. E o fío medieval lévao ata a María Balteira da que falan as cantigas trobadorescas, esa figura danzante que alternou cos reis e que adquiriu unha fama que dura ata os nosos días.

E xa no presente, o pregoeiro tivo ocasión tamén de dar un agarimoso “tirón de orellas” para reclamar a recuperación de Ferrol Vello e azos renovados para a cidade. “Pódense facer moitas cousas que non se fan e temos que defender a Ferrol traballando e non chorando”, apuntaba Rubia minutos antes de enfundarse no seu traxe medieval (todo un fito persoal porque nun Entroido de hai uns cantos anos decidira non disfrazarse nunca máis). O seu foi un pregón plantexado para “coller algunhas pinceladas de lembranzas e de sensacións e tratar de expoñelas da maneira máis divertida posible”.

A Feira Medieval conta con varias áreas diferenciadas. No Campamento Medieval (no atrio de San Francisco) recréanse as milicias da época, con jaimas, soldados, entrenamentos e loitas e sen faltar a música. Haberá ademais a posibilidade de contemplar a especialistas en hípica celta. Está aberto de once da mañá a tres da tarde e de seis a dez da noite. Poden verse alí exhibicións de combate, xogos medievais para nenos e adultos, retos para mostrar a destreza no manexo de armas, combates a pé e diversas escenificacións.

A Alameda do Carbón é o territorio dos obradoiros (de barro, cantaría, coiro e vidro soprado), de carruseis, tiovivos e cama elástica para os máis pequenos e dos espectáculos estáticos, como os de maxia, teatro, lume e danza do ventre. Comparte o horario das demais zonas pero pecha unha hora máis tarde, ás once da noite.

Na praza Vella haberá demostracións de pirogravado e teares, obradoiros de xabóns naturais, chocolate e vidro. Será un lugar tamén para os xogos tradicionais e para espectáculos.
E a rúa San Francisco inclúe entre os seus atractivos a celebración de obradoiros demostrativos de troquelado de latón, acibeche, confección de babuchas e tornado de madeira, así como un de coiro trenzado.

Concurso de vestimenta 
A Feira Medieval encherá de actividade Ferrol Vello pero a idea é que os cidadáns, ademais de contemplar as diferentes propostas e de mercar o que lles guste máis, se sintan partícipes do mercado. E para iso búscase que cada vez máis xente se poida disfrazar e contribúa, ademais, a darlle unha ambientación histórica máis fidedigna á festa. De feito, son este tipo de iniciativas as que dan un selo propio a estes feiróns, que tanto éxito teñen durante o verán e que buscan en cada lugar a súa xustificación histórica.

No caso de Ferrol, convocouse un concurso de vestimenta precisamente co afán de animar á participación dos veciños. Hoxe sábado, á unha da tarde, hai que presentarse debidamente caracterizado no Recuncho do Retrato da praza Vella. Alí realizarase un sorteo de vales entre os que acudan ataviados de época.

Ferrol reivindica a súa orixe medieval cunha feira chea de actividades

Te puede interesar