Música, sobremesas e bonecos de follas de maínzo en Doso coa Recreación da Esfolla

Música, sobremesas e bonecos de follas de maínzo en Doso coa Recreación da Esfolla
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-9b1b5d6d-p

“Un ano máis, desde o Padrado da Cultura queremos agradecer a boa disposición das veciñas e veciños que fan posible que esta tradición da nosa cultura se manteña no tempo na parroquia de Doso”. Así se expresaba onte a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, en relación á celebración, este sábado, da Recreación Tradicional da Esfolla de Doso.
O evento, organizado polo Padroado da Cultura en colaboración coa Asociación de Veciños “A Naveira”, implica cada ano a participación de centos de persoas.
O programa deste ano dará comezo ás 17.00 horas coa saída da comitiva de carros de maínzo, que partirá do rueiro da Braña ata a pista polideportiva de Doso, donde se instalará unha gran carpa. Nos carros serán trasladadas as mazarocas que esfollarán durante a tarde os asistentes a este evento festivo, cun marcado carácter de recuperación da cultura galega, tal e como indican desde o Concello naronés.
Este acto ambientarase ademais coa música e danza tradicional dos grupos do Padroado da Cultura, que amenizarán a chegada da comitiva dos carros e o proceso de esfolla do maínzo. O grupo folk Os D’Abaixo pecharán a programación.
As actividades previstas para a xornada inclúen asemade un obradoiro de bolas de sartén, que serán cociñadas por veciños e veciñas da zona e que se servirán entre os asistentes.
Ademais haberá un concurso de sobremesas, elaboradas tamén pola veciñanza nas súas casas, con produtos de temporada, e que serán repartidas entre o público durante a tarde, unha vez rematado o concurso.
Ao longo da tarde, os asistentes á festa poderán gozar da exposición de bonecos de follas de maínzo realizados por escolares no decurso duns obradoiros impartidos para alumnado de quinto e sexto de Primaria en centros escolares da localidade a través do Padroado da Cultura de Narón.
Ademais, todos os que o sábado vaian por Doso terán a oportunidade de aprender a realizar estes bonecos nun obradoiro aberto á participación da cidadanía en xeral.
A presidenta do Padroado da Cultura e alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, animou á cidadanía en xeral a asistir a este evento festivo para así “desfrutar dunha tarde cargada de actividades relacionadas co mundo agrario e as tradicións galegas e dirixidas a persoas de diferentes idades”.

Música, sobremesas e bonecos de follas de maínzo en Doso coa Recreación da Esfolla

Te puede interesar