O Congreso dará comezo coa presentación do libro “Terra e Alma”, un proxecto de Moisés Quintas Suárez, que conta coa colaboración do fotógrafo Carlos Valcárcel e o Consello da Cultura Galega, e que foi editado pola Editorial Canela. Nesta obra recóllense os cantos máis senlleiros da nosa sociedade tradicional; cantos que non precisan doutro acompañamento “máis que o propio ritmo da respiración, do corpo, do camiñar ou do traballo que exerce quen o entoa”, explican desde a organización. Engaden ademáis que “son os Alalás, caracterizados polo seu aire lento e moderado que nos transporta á inmensidade da terra cun son abrollado da propia alma”. Ademáis, o fotógrafo Carlos Valcárcel aporta unha escolma de imaxes, inmortalizadas por el nas décadas dos anos 60, e 70, que poñen de manifesto o sentir da música escollida por Moisés. “Unhas instantáneas nas que se revive con autenticidade e sen retoques a realidade da cultura popular tradicional, a dos oficios, os traballos e as paisaxes”, explican desde o Real Coro Toxos e Froles. O libro vai acompañado por un CD no que se recrean os alalás, adaptados a diversos instrumentos musicais que reproducen as melodías ou as harmonías e que son acompañados de diferentes ambientes sonoros naturais cedidos para esta ocasión polo Consello da Cultura Galega.
A seguinte proposta da xornada virá da man de Baldomero Iglesias “Mero”, e Raúl Galego, que falarán dos “Catos do ciclo de Nadal”. Nestas datas do inverno, que marcan o fin dun ciclo na natureza, a falla de luz e o frío maila ausencia de traballos na terra levaban ás sociedades máis agrícolas a xuntarse ao redor do lume, onde cantaban panxolas, vilancicos e polifonías, amáis de relatos biblícos ou cantos de reis, entre outros. Iglesias foi mestre e un dos fundadores de Fuxan os Ventos, vinculado desde sempre á música. Pola súa parte, Raúl Galego, é un gaiteiro estudoso deste tempo de reis, que deu comezo a súa andaina musical no ano 1972 vivindo a música a cabalo de dous mundos; o da música tradicional que esmorece e o folclore que via collendo pulo, sobre todo a partir dos anos 80.
Gaiteiros indianos
E xa como remate das xornadas, o afamado gaiteiro asturiano José Ángel Hevia ofrecerá a charla “A gaita crioula. Vivencias tras a pegada dos gaiteiros indianos”. Hevia é o gaiteiro máis internacional da veciña comunidade autónoma de Asturias, que leva máis de dous millóns de discos vendidos en todo o mundo, que ten acadado discos de Ouro e Platino en países como Italia, Hungría ou Bélxica, entre outros. Mestre dunha xeración importante de gaiteiros tamén é fundador dunha chea de bandas de gaitas en Asturias. O seu traballo é recoñecido con premios nacionais e internacionais, entre os que caben salientar un Premio Ondas, varios premios da Música, o “Rock & Trend” do Festival de San Remo, ou o prestixioso “Multiplatinum Award” que se lle concede aos artistas que logran vender máis dun millón de discos en Europa.
Hevia ten feito tamén un completo traballo de documentación para chegar a comprender o fenómeno indiano, da man do proxecto “Al son del indianu”, no que segue a pegada americana dos lendarios gaiteiros. De feito, entre 1850 e 1950 un millón de asturianos emprenderon o camiño da emigración, pero sempre mantiveron viva a chama da súa orixe, as súas tradicións. Froito de anos de traballo Hevia tamén compartiu horas de música con músicos cubanos ou dominicanos, logrando que a súa gaita soe no contexto latino con naturalidade.