Fóra do Mapa pecha hoxe a súa IV edición co obradoiro de Claudia Faci

Fóra do Mapa pecha hoxe a súa IV edición co obradoiro de Claudia Faci
Performance A cidade está presente no Centro Torrente Ballester

Despois dun sábado intenso, con até cinco puntos de interese, a sétima e última xornada da cuarta edición do Festival de Artes Escénicas Fóra do Mapa chega hoxe á súa fin con dúas propostas, as que protagonizarán polas rúas do barrio da Magdalena os membros de Pistacatro, un dos referentes galegos no chamado Novo Circo e tamén no cabaré. Está previsto que o roteiro co que queren amenizar a clausura do evento principie ás 13.00 horas.

O ramo porao Claudia Faci e as persoas que levan colaborando con ela ao longo desta semana no obradoiro instalado no número 52 da rúa Rubalcava na creación da peza, que se presenta ás seis do serán nese mesmo lugar.

O Festival de Artes Escénicas é xa un referente da programación cultural da cidade. Saca dos grandes espazos a creación artística para amosar a un público xeralmente cativo en número pequenas obras en lugares insólitos neste tipo de espectáculos. O Concello, a través do seu alcalde, Ángel Mato, ten comprometido o seu apoio para que continúe nos vindeiros anos.

A cidadanía confesa os seus sentimentos a un Ferrol “que foi tornando máis duro e triste” 

Xunto coas representacións de teatro muído de Andrea Díaz, Moito Morro, Avelina Pérez ou Voadora, a atención do Fóra do Mapa na súa penúltima xornada focalizou no patio do Centro Torrente Ballester. Alí tivo lugar, en sesións de mediodía e serán, a performance “A cidade está presente”, unha creación da ferrolá Lúa Testa interpretada pola actriz Helga Méndez.

Varias decenas de veciñas e veciños da cidade achegáronse até o emblemático inmoble para dialogar coa “cidade”, encarnada na intérprete, e explicarlle ou confesarlle o que significa para elas Ferrol. A idea de Lúa Testa á hora de formular esta performance partía dunha sensación propia: a ledicia e o dinamismo que caracterizou de sempre a cidade foi dando paso, “sen saber por que”, explicaba o pasado venres a este xornal, “a una urbe máis dura, triste e solitaria”. Indagar nos porqués destas mudanzas foi o que levou á creadora a artellar esta proposta, na que tamén colaboraron máis de 70 persoas que construíron o espazo sonoro cos seus audios de voz”.

Fóra do Mapa pecha hoxe a súa IV edición co obradoiro de Claudia Faci

Te puede interesar