“É certo que unha residencia é máis que puro aloxamento, pero esto é un primeiro paso”

“É certo que unha residencia é máis que puro aloxamento, pero esto é un primeiro paso”
firma convenio concello con conselleiras de sanidade y traballo sobre la ampliacion del campus

O campus de Ferrol terá o vindeiro curso unha residencia universitaria pública. Logo de meses de conversas e negociacións, a materialización do acordo entre a Xunta, o Concello e a Universidade da Coruña permitirá dispor dun servizo demandado desde hai máis dunha década. O pasado luns, as tres institucións asinaban na cidade naval o protocolo para a cesión “provisional” do antigo centro de menores Soutomaior para a súa conversión en aloxamento estudiantil.

Está satisfeito o reitor da UDC coa firma deste acordo?
Si, si. Asinamos o protocolo entre a Xunta de Galicia, o Concello e a UDC para a incorporación de edificios de uso público para a universidade, en concreto para a residencia no Soutomaior, e despois de varios meses, por fin temos o edificio e podemos facer as actuacións mínimas imprescindibles para poñer en marcha a residencia o vindeiro curso. Unha residencia pública, con prezos públicos, que penso que é bo para a universidade e para o campus de Ferrol, para atraer estudantes que poidan realizar os seus estudos en titulacións únicas do Sistema Universitario Galego, como Enxeñaría Naval, Deseño Industrial, Podoloxía, Documentación... Hai moito potencial e ás veces, por falta de infraestruturas, non se aproveita o suficiente.

De todos os xeitos, tanto vostede como o Concello de Ferrol incidiron en que esta é unha solución provisional...
Si, é unha solución absolutamente provisoria, pero como xa dixen, ás veces o óptimo é enemigo do bo. Hai que ir dando pasos e aínda que é provisional, é unha solución. E levamos moitos anos sen ningún tipo de solución  e isto seguramente axudará para ter unha solución definitiva.

Para esa solución definitiva, manéxase algún tipo de prazo?
Hai que seguir coas xestións. O Concello de Ferrol explicou claramente que no tema urbanístico no Cuartel Sánchez Aguilera, o convenio segue en pé, e cando teña a cesión por parte do Ministerio de Defensa voltaremos falar das actuacións concretas para levar adiante a rehabilitación dos pavillóns que están asignados á universidade.

Unha vez cedido o edificio do antigo centro de menores Soutomaior, cales son os pasos a dar agora pola UDC?
Agora temos que concretar as actuacións de reforma que hai que facer, que van ser poucas –a UDC ten un orzamento de 80.000 euros para acometer os traballos–. E estamos xa rematando a elaboración do regulamento da residencia para a oferta de prazas e os prezos públicos e no mes de setembro sairá a convocatoria.

Pero o proceso de preinscripción nos graos para o vindeiro curso comezará xa a finais deste mes...
Si, pero como a oferta da residencia xa é notoria, pois está nos medios de comunicación e tamén na nosa páxina web, pois os alumnos estarán agardando tamén a convocatoria para as prazas da residencia.

Fálase de que a residencia terá unhas 40 prazas...
Dependerá de que sexan habitacións dobres ou individuais. Posiblemente vaiamos a habitacións individuais e entón se reduza un pouco o número de 40 prazas.

Ofertará a residencia, ademais do estrito aloxamento, outros servizos como cociña, comedor ou lavandería, por exemplo?
Só será aloxamento e habilitaremos un mínimo espazo común para poder facer, ao mellor, o almorzo, pero pouca cousa. É, fundamentalmente, residencia. Non terá outros servizos, pois non ten instalacións para iso. É certo que unha residencia universitaria é máis que puro aloxamento, pero este é un primeiro paso, e hai que moverse; non podes quedar quieto agardando, como levamos facendo anos, a unha solución mellor que esta.
Que suporá este aloxamento universitario público para o campus de Ferrol?
Pois poder ofertarllo aos estudantes, sobre todo aos que veñen de fóra da cidade e da comunidade, e incluso aos Erasmus, saber que antes de vir disporán dunha residencia situada moi preto dos centros nos que van estudar, e iso é algo que todas a universidades teñen.

Outro dos compromisos incluídos no acordo entre Concello, Xunta e UDC é a cesión de case 60.000 metros cadrados do Novoa Santos para usos universitarios, o que, segundo se informou, permitirá reorganizar o campus ferrolán. Como será esta reorganización?
Esto é un pouco máis a medio prazo, porque o que pretendemos é que, unha vez poidamos acondicionar estas instalacións, que os estudos de Enfermaría e Podoloxía se trasladen para o Novoa Santos, xa que na proximidade temos xa a Clínica Podolóxica e outros espazos de investigación, e así aproveitar as sinerxias cos centros de saúde que están nesta zona. Eso nos permitirá tamén unificar todos os estudos de enxeñaría no campus de Esteiro. Esta é a idea que temos. Outros prantexamentos que tiñamos anteriormente tampouco foron viables porque non tiñamos terreos nin orzamento para abordar a construción dun novo edificio. Non está tampouco concretado como será a unificación das escolas, pero a idea é que sería un gran centro de enxeñaría de Ferrol, ao mellor compartindo varios edificios, pero todos na proximidade do campus de Esteiro. De todos os xeitos, todos estes temas haberá que falalos e discutilos, pero unha vez que teñamos posibilidades de actuación. Hai outros compoñentes e temas que estamos analizando e mentres non haxa solucións concretas, non parece razoable facelo.

Tamén se falou, a raíz do compromiso da cesión de espazo do Novoa Santos á UDC, de optar a novas titulacións do ámbito sanitario para o campus de Ferrol.
O mapa de titulacións vaise abrir e terán preferencia os campus denominados periféricos –como é o caso do ferrolán–. Daquela, no de Ferrol, se hai demanda importante –a partir de 2015 os graos teñen que ter un mínimo de 45 alumnos en primeiro curso para garantir a súa continuidade–, pois contemplariamos a posibilidade de algunha outra titulación normalmente do ámbito das ciencias da saúde no campus do Ferrol.

Contémplase a posibilidade de negociar novas cesións de edificios públicos para a Universidade?
As conversas entre Concello, Xunta e UDC van seguir e acabamos de conseguir un primeiro acordo. Agora imos materializalo, que aínda non están os estudantes na residencia. Cando estea funcionando nos marcaremos novos obxectivos que están aí na folla de ruta, pero hai que ir paso a paso. n

“É certo que unha residencia é máis que puro aloxamento, pero esto é un primeiro paso”

Te puede interesar