Xoán Rubia | “O premio supón para min unha inxección vital de música”

Diario de Ferrol-9999-99-99-999-02caaa60
|

“Entusiasmado” e moi agradecido. É o sentir de Xoán Rubia (Mugardos, 1947) ante a concesión do primeiro Premio La Room de Honra, distinción coa que a sala ferrolá quere recoñecer e poñer en valor a súa traxectoria musical. O galardón, obra do artesán Carlos Beceiro, seralle entregado esta noite, a partir das 22.30 horas, nun acto con entrada de balde e que reunirá a moitos dos que, dalgún xeito, formaron parte dun periplo artístico desenvolvido ao longo dos últimos cincuenta anos.

Rubia –ex sanitario de profesión, pois xa está xubilado– repasará algúns dos temas que dan vida ao seu amplo repertorio –formado por once discos en formato EP, catro de longa duración e dous cedés–, entre os que, con toda probabilidade, incluirá “Catro vellos mariñeiros”. A casualidade quixo que esta fora a canción que lle deu sona como músico, mais na súa mochila artística garda con moito agarimo todas esas composicións propias, cancións populares e poemas musicados aos que lle puxo voz. 

Que supón para vostede este recoñecemento?

Supón unha inxección vital de música outra vez. O verme musical estaba certamente durmido e de súpeeto xorde a posibilidade de espertalo de novo e ademais cun acto no que se pretende recoñecer a miña traxectoria desde aquel ano 69 cando comezabamos esta aventura ata hoxe.
 
Nada máis e nada menos que cinco décadas pasaron xa desde entón.

Si, cincuenta anos nos que houbo algúns silencios significativos, por razóns de traballo, de descanso...pero que logo retomábase de novo porque volvía xurdir a inspiración, a necesidade de ter que volver dicir cousas, musicar poemas de xente que te interesa, facer algo propio. Para o acto na sala La Room –o que terá lugar esta noite– tratarei de elixir temas que sexan representativos das diferentes épocas.

Falando de épocas, cales foron  as que lle marcaron dun xeito especial ou significativo?

A que primeiro che fai ilusión é, loxicamente, cando recibes a notificación da compañía Edigsa para gravar en Barcelona o meu primeiro disco –en 1969–. Eu non acababa de crelo. Fixera unha audición en Santiago diante do director xerente da compañía e dúas semanas despois avisáronme de que puxera as datas para ir a Barcelona. Aquilo foi como se me tocase a lotaría. Foi unha etapa ilusionante. Alí traballei con xente coa que se aprende moito e deixeime levar completamente por eles –con esta compañía gravou tres discos-.

Que chegou despois? 

En 1972 asinei un contrato con Philips, coa que fixen oito discos, entre eles un de temas populares. No proceso de creación deste, quedaba un tema por engadir e logo de darlle unhas voltas decidín meter “Catro vellos mariñeiros”. E quen me ía dicir a min que este sería o tema que daría sona importante. E empezaron a coñecer a Xoán Rubia máis por aquel tema pegadizo que polas cancións propias, que eran as que a min máis me interesaban. “Catro vellos mariñeiros” perseguiume desde entón cun estigma que aínda a estas alturas da película está aí presente e non me libro dela cando teño algunha intervención.

Vostede musicou tamén poemas de Federico García Lorca, non si?

Si, así é. E isto foi ademais outra cousa importante da miña traxectoria. Fun o primeiro que lle puxo música aos poemas galegos de Lorca. Teño a satisfacción de gardar unha nota manuscrita da súa irmá, Isabel, na que me autoriza a gravación dos poemas galegos do seu irmá. Esta tamén foi unha etapa significativa da miña historia. Estiven tamén en Fuente Vaqueros (onde está o Museo Casa Natal do poeta granadino) para entregar un cedé con estes temas e alí está, entre os obxectos lorquianos. Outro dos discos cos que gocei moito foi o dedicado a cancións universais do Nadal, porque foi unha gravación en estudio, con corenta músicos en directo. Este foi para min o gran xoguete da miña traxectoria musical

Como chegou a música á súa vida e que papel xogou esta ao longo do tempo?

A música formou parte do meu devir vital; para min foi un elemento esencial na miña traxectoria vital. Aos nove anos, na casa dos meus avós, escoitaba con entusiasmo a música da veciña Acacia Valera, concertista de piano. Ela díxolles a meus pais se querían que me impartira clases de música e así empecei a estudar piano. Ela acompañábame ao conservatorio a facer os exames. Sempre foi unha muller entrañable para min. A partir de aí xa non deixei a música e a sucesión de casualidades foron propiciando todo o que viría despois.

Xoán Rubia | “O premio supón para min unha inxección vital de música”