O Padroado de Cultura de Narón abrirá este luns o prazo de inscrición de comparsas no Festival de Entroido organizado polo Concello. O período para se anotar concluirá o día 31 deste mes. O desfile terá lugar o 10 de febreiro, a partir das cinco da tarde, con saída do pavillón da Mocidade, na Gándara, ata a pista polideportiva da Solaina, onde se celebrará o festival das comparsas.
A convocatoria está limitada á participación dun máximo de sete agrupacións de Narón e tres doutros municipios, que serán seleccionados por estrita orde de inscrición. O Padroado asignará unhas axudas económicas a todas as formacións participantes, tal e como se estipula nas bases.
Para poder participar no festival, as comparsas terán que cumprir unha serie de requisitos como por exemplo falar de temas locais de Narón e empregar o galego nas súas letras. Terán que estar ademais formadas por un mínimo de quince persoas, a maior parte con máis de 14 anos. Cada agrupación disporá dun máximo de dez minutos para actuar, “facendo uso do bo humor para amosar a súa visión crítica do pasado ano”, segundo se informou desde o Concello naronés.
As inscricións teñen que formalizarse nas oficinas do Pazo da Cultura, de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas e entregar seis copias das letras a interpretar e os datos persoais dos representantes da comparsa.
As comparsas nas que como mínimo o 75% dos compoñentes residan en Narón recibirán 700 euros cada unha mentres que as de fóra do municipio e as convidadas recibirán 350 euros.
As tres mellores comparsas optarán a tres premios, que consistirán nunha figura en recordo do día do Entroido e que concederá un xurado que valorará a orixinalidade, o enxeño ou a calidade musical, entre outras cuestións.
Haberá tamén un concurso de disfraces tanto na categoría infantil como na de adultos.