O gastronómico Grupo Nove viaxará hoxe a Barcelona para facer alí un “showcooking” no que amosar a vangarda da cociña galega. Será nunha iniciativa que realizan en colaboración con Turismo de Galicia no World Trade Center da cidade condal e coa asistencia de máis de 250 personas.
Alí, os vinte integrantes da comitiva que toma parte no evento amosarán as tendencias nos fogóns do país, reinterpretando receitas tradicionais e co produto da terra e de calidade como principal referencia.
Raviolis de tenreira con allo asado e pistachos, vieiras con cabaciña, perlas de soia e migas crocantes, brandada de bacallau con allada, cremoso de congrio con areas de praia e follas da marea, anguías do Ulla, canelóns de galiña piñeira ou lacón con grelos son só algúns dos pratos que presentarán nesta oportunidade para “demostrar nun dos principais destinos turísticos do país a gran capacidade creativa e innovadora da cociña galega e o alto nivel dos seus profesionais”, explican desde o colectivo gastronómico.
O Grupo Nove reúne a unha vintena de cociñeiros galegos e a 17 restaurantes, entre os que está, como un dos fundadores, Miguel Ángel Campos, do restaurante ferrolán A Gabeira. Tamén se incorporou a esta agrupación o ferrolán Iván Domínguez, que traballa nos restaurantes do grupo Alborada, con sede na Coruña.
Estrelas Michelín
Cómpre salientar tamén que moitos dos restaurantes que integran o grupo Nove e que estarán hoxe en Barcelona contan na actualidade coa distinción culinaria por excelencia que outorga a reputada Guía Michelín. Tal é o caso dos ferrolán, Iván Domínguez e os coruñeses Manuel Costiña –restaurante Retiro da Costiña– e Xoán Crujeiras e Beatriz Sotelo –A Estación–. No resto da xeografía galega destacan tamén grandes cociñeiros estrelados como Javier Olleros –Culler de Pau–, Pepe Solla –Casa Solla–, Yayo Daporta, José Torres Cannas –Pepe Vieira–, Rafael Cantero –Maruja Limón– e Alberto G. Prelcic –restaurante Silabario–.