Cen anos do Racing Club Ferrol

Cen anos do Racing Club Ferrol
Bufandas centenario Racing de Ferrol

A xestación durou tres meses. Cristalizou o 5 de outubro de 1919 coa fusión do Racing Club –que nacera en xullo pola fusión de Jaime I FC e Giralda FC– e un cadro formado en 1917 co nome de Círculo Rojo FC que a comezos de 1919 se pasara a titular Club Ferrol. O soño de Manuel “Cancela”, o grande impulsor, era unha realidade. Nacía o Racing Ferrol Football Club.

Os anos 20 asistiron a unha progresión case perfecta da entidade, que pasara de Caranza ao Inferniño en 1921. Na competición oficial empezaba na 2ª categoría do extinto Campionato de Galicia, ascendía a 1ª en 1923, debutaba nela cun subcampionato e, no declinar do decenio, a lenda dos Diaños Verdes: campións galegos invictos, debut na Copa del Rey caendo fronte ao Athletic de Bilbao en oitavos, goleada ao Barça en Las Corts... Era o Racing do “mago” Planas. E dos Alejandro, Manolín, Silvosa, Basterrechea, Mondragón, Gorostiza, Bilbao, Toralla... E, como non, do fenómeno Manuel Rivera.

Disparidade
Os anos 30 foran contraditorios. Crise económica polo impacto do profesionalismo e o nacemento da liga... e glorias deportivas. Fazañas nos despachos e un racinguismo comprometido que evitou males maiores. Empézase na división de bronce en 1929. Debútase en 2ª en 1934. Unha estrela empeza a alumear, Juanito Vázquez. O cedeirés Ginés marcha ao Madrid, Silvosa ao Sevilla, Miranda ao Barcelona. E logo, a Guerra. E dous campionatos galegos máis para as vitrinas. E todo un subcampionato de Copa, na final de Montjuïc co Sevilla. Un Racing de 1ª co húngaro Alberti Kiszel, Caliche, Moreno, Bertolí, Silvosa, Basterrechea, Lelé, Gallart, Barón, Edelmiro, Portugués... E Yurrita. E regreso a 2ª cando a reconstrución da liga tras a contenda civil. O lugar case natural do Racing antigo e clásico.

Nos 40 e 50 o club consolidouse na división de prata (estivo nela nos períodos 1939-43 e 1944-60) e mesmo aspirou a dar o gran salto, como a promoción a 1ª de 1952. A afección crecía, viu gañar ao Madrid, a leoneira do Inferniño pasou a ser Manuel Rivera e unha longa lista de “cromos” formou a galería de ídolos do racinguismo: o superclase Gabriel Alonso e o seu irmán Juanito, Ortiz, Ferreiro, Landeta, Herodes, Porta, Fontela, Malet, Sobrino, Caeiro, Tino, Munuaga, Juanito González, Perniche, Fabeiro, Paseiro, os irmáns Anca, Artime, Sabino, Carriega, Bernabé, Ares, Quinocho, Tucho Sampedro, Malpica, Rafael Franco, Pensa, Fábregas, Nanuco, Manolín Canales, Cobas, Alvarito, Azpeitia, Ledo, Sánchez, Mourelo, Vegazo, Suco... E Marcelino.

Os 60 empezaron con caída ao Bronce, pero os 6 anos de espera foron semente dunha renacenza social e deportiva que estoupou en 1966 cando, tras vencerse ao Sans no Camp Nou, ducias de milleiros de persoas invadiron o centro de Ferrol para celebrar o retorno a 2ª. E inaugurar unha época dourada da man de Satur Grech primeiro e Juan Ramón Santiago despois: conquístase o Teresa Herrera batendo a Deportivo e Celta. Quédase ás portas da 1ª División na impresionante liga 1968/69. E cáese con altísima honra ante o Valencia na Copa de 1970 nos cuartos de final. Ferrol vibraba de xeito masivo co Racing na época de Ramón Schez. Dopico. Xogaban os J. Vilar, Arturo, Noriega, Larraz, Goyenechea, Sornichero, Pepiño, Gringo, Rivera, Arroyo, Costoya, Carlos, Castell, Fdez. Amado, Juan, Santiago Castro, Zumalabe, Pascual, Germán, Erviti...

Decrecemento
Nos 70 e 80 o Racing experimentou un imparábel decrecemento deportivo, que atopou unha paréntese no episódico regreso a Segunda de 1978. O club entrou nunha fonda recesión que lle obrigou a obxectivos máis modestos. Ese proceso de declive “petou” co descenso, por 1ª vez na historia, ao 4º nivel ligueiro en 1984. Travesía polo deserto nos anos de López Sueiro que terminou co cambio do Manuel Rivera á Malata, en 1993. Nesas dúas décadas brillaron Pedro Amado, Alfonso Castro, Pancho García, os irmáns Collazo, Otero, Nando, os arxentinos Marcelo e Juan Carlos Zaizer, Argüeso, Sada, Cortabitarte, Arteche, Garrido, Segundo, Pereira, Miguelín, Mouriz, Camilo, Rojo, Yosu, Saavedra, Javi Montero, Alberto, Quico Rey...

Silveira
Nos 90 estréase A Malata, chega a “era Silveira” e lógrase o salto a unha 2ª División con Sevilla, Betis e At. Madrid para empezar século. Anos de “dream teams” e xogadores con selo como Manu Miranda, Pazolo, Luis Alberto, Manel, Fran Nogueira, Sanromán, Prieto, Peña, Horcajada, Juanito Amigo, etc. E o gol de Pablo contra o Ceuta...

Até 2008 o Racing (SAD dende 2001) alternou a 2ª B coa 2ª División, case cun plantel distinto por ano e innumerábeis estranxeiros. Tempos dos Aizkorreta, Pavlicic, Ismael, Razov, Cuéllar, Aira, Mario Bermejo (pichichi de Segunda coa Verde), Emery, Delporte, Uche, Fabiano, Lamatina, Grozdic, Corredoira, Carlier, Álvaro Antón, Jonathan Pereira,...

No último decenio o Racing caeu no cuarto nivel, regresou a 2ª B loitando pola Prata e en 2016 a morte de Silveira puxo fin a unha época.  O club  alcanza un século con novos donos, con tantas expectativas como incógnitas..

Cen anos do Racing Club Ferrol

Te puede interesar