Trala celebración nos últimos días de diferentes actividades, como os concertos gratuítos enmarcados no I Curso Musical Vila das Pontes, as Festas do Carme de As Pontes arrancarán hoxe de xeito oficial coa lectura do pregón que nesta ocasión correrá a cargo dunha representación dos hostaleiros do municipio, en homenaxe ao colectivo. O acto, previsto para as 20.30 horas na Casa do Concello, estará amenizado pola Tuna da Facultade de Dereito de Santiago.
Trala lectura, proxectarase sobre a fachada do Concello “As gotas do Eume”, un espectáculo audiovisual que narra a historia da nosa localidade e a relación de As Pontes coa auga. A proxección durará aproximadamente uns 15 minutos.
De amenizar a verbena desta primeira xornada festiva encargaranse, ademais da devandita tuna, os grupos En Mala Hora, Marbella e Aché.
As actividades comezarán, porén, antes, a partir das 18.00 horas coa apertura de Parque@activo coa actuación de baile galego cos nenos da AC Alende. Ás 18.30 horas será o turno para a actuación do mago Alex e o seu espectáculo no que tamén hai espazo para o teatro e o humor.
Tamén hoxe, a partir das 22.00 horas, terá lugar a XX cea organizada polas Carmes das Pontes en Casa Teresa.
No que atinxe á programación litúrxica, hoxe, ás 20.00 horas, terá lugar unha nova misa e ofrenda floral na capela do Carme. Estes días convídase tamén a todos os veciños que o desexen a participar nos preparativos da alfombra floral sobre a que o domingo discorrerá a tradicional procesión para honrar á virxe.
música
Nestes días de festa pasarán pola vila orquestras como París de Noia e o Combo Dominicano e o Dúo Suso (mañ sábado); Dúo Caramelo, Gran Parada e Satélites (domingo); e o Grupo Pecados, The Barefoots, Panorama e New York (luns).