Big Maple V-Strom, un bulldog inglés de nove meses pertencente ó criadeiro Bullkaiser, en Ferrol, conseguiu hai uns días ser elixido o mellor can da súa raza, na categoría junior, no campionato mundial que se celebrou en Budapest. Ademais, na competición absoluta (tódalas razas e tódalas idades) quedou en terceiro lugar. Na categoría femia, José Antonio García Garrote conseguiu que Big Maple World of Warcraft, tamén bulldog inglés, quedase subcampioa na súa categoría.
“Estamos supercontentos”, explicaba onte García Garrote, que se dedica á cría como afección pero que, con ela, percorre diversos países en competicións internacionais. “Levo moitos anos nisto, comecei con rottweiler e agora teño unha vintena de cans na casa”, comenta.
O que se mide nestes concursos de beleza é a aproximación do can ó estándar do que debe ser a raza. Así, os xuíces examinan os seus movementos, pelaxe e outras características. En Hungría competían un total de 24.000 animais. Big Maple V-Strom foi o terceiro mellor de todos eles, ademais de ser o mellor bulldog inglés junior, título no que sucede ó seu pai. Así mesmo, levou unha mención por ser o can que obtivo este premio con menor idade.
Os cans de García Garrote requiren de moito mimo para a reprodución. En compesanción, os bulldog son “o can ideal para un piso e para os nenos é perfecto”.