A Escola de Idiomas celebra unha nova edición das Xornadas Culturais

A Escola de Idiomas celebra unha nova edición das Xornadas Culturais
Escuela de Idiomas de Ferrol Xornadas Culturais

É unha das semanas máis intensas de todo o curso pola cantidade de propostas a desenvolver. As Xornadas Culturais da Escola de Idiomas de Ferrol encherán de actividades a axenda do centro durante a semana que vén, ofrecendo ao alumnado a posibilidade de compartir experiencias con outros compañeiros, poñer en práctica moitos dos coñecementos adquiridos e gozar, nun ambiente distendido, de alternativas de lecer que ao mesmo tempo serven para continuar co proceso de aprendizaxe.

Xogos, obradoiros, películas, gastronomía, representacións teatrais ou charlas son algúns dos ingredientes dun menú cultural que o centro comezará a degustar hoxe, a partir das 10.30 horas, cunha xincana na que os participantes terán que descubrir, a través de pistas, mulleres ás que se fai referencia, acudir ás aulas de ditas mulleres, escanear os códigos QR e responder así ás preguntas formuladas.

Con esta actividade abrirase a tea dunha programación que se desenvolverá ata o venres, en xornada de mañá e tarde, e que tamén incluirá lecturas de fragmentos literarios en varias linguas, sesións de karaoke, representacións teatrais ou a preparación de menús tradicionais de diferentes países.

O martes haberá, así mesmo, unha “andaina en italiano” pola cidade naval, contemplándose ademais neste apartado de actividade física sesións de pilates.

Un obradoiro de iniciación á danza galego-portuguesa con Uxío Leira ou a presentación poético-musical da obra “O colo das palavras”, co poeta Antón Cortizas e os músicos Óscar Fojo e Manolo Bacalhau, serán dúas das propostas a celebrar na derradeira xornada do venres, que pechará o intenso cartel.

A Escola de Idiomas celebra unha nova edición das Xornadas Culturais

Te puede interesar