Co ánimo de perpetuar a funcionalidade histórica da celebración primaveral e ao mesmo tempo contribuír á normalización da lingua galega entre os rapaces en contextos normais onte pola mañá desenvolveuse na Praza de España un gran encontro de convivencia entre catorce centros de Ferrol e comarca arredor da Festa dos Maios.
Uns 2.000 rapaces secundaron así a primeira edición dunha iniciativa impulsada desde a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra en colaboración co Concello de Ferrol e que o ano pasado tivo que ser finalmente suspendida polas adversas condicións meteorolóxicas. Precisamente para garantir o bo tempo, a organización decidía esta mesma semana adiantar á xornada de onte unha cita inicialmente prevista para hoxe. Desde a organización quíxose, neste sentido, valorar e agradecer o esforzo realizado polos centros educativos participantes, que tiveron que confeccionar os seus maios case en tempo récord.
As elaboradas e coloridas composicións florais presidían onte o escenario dunha festa que incluíu, entre outras actividades, a interpretación de coplas primaverais por parte dos rapaces, algunhas de creación propia.
Música
Co grupo Teatro Ghazafelhos como condutor da festa, o programa contou tamén coa actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona, encargados de poñer música á parte final logo da merenda que foi repartida entre o alumnado presente.
Toda a celebración foi gravada nun vídeo que será entregado como agasallo aos colexios que non quixeron perderse esta primera edición da proposta que leva por título “Ferrol, de frores cuberto” e que foron os seguintes: CEE Terra de Ferrol, os Ceips de Pazos, Juan de Lángara, Ponzos, Isaac Peral, Ludy, Manuel Masdías, Recimil, Belén, Cristo Rey, Lestonnac e Cruceiro de Canido así como o colexio de Piñeiros ou Os Casais de Fene. A eles uníronse entidades como a Fundaçom Artábria e Geriatros Ferrol.