O Concello de Narón colabora un ano máis coa Asociación de Veciños do Couto na vixésima edición do ciclo Tempo de Música. O programa dará comezo esta mesma tarde, ás 18.00 horas, no local social do Couto coa actuación da Xove Banda de Narón, da Asociación Cultural Musical Sementeira.
As citas continuarán todos os domingos ata o vindeiro 4 de novembro coa participación de diferentes agrupacións e con entrada todas elas de balde.
Así, o día 14 será a quenda para a música coral con Estrelas de Mar, de Cedeira, e a polifónica Virxe do Monte, de Lugo. O día 22 actuarán tamén dous coros: Vocalisse, da Coruña, e o da Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros. O coro Espasante, Silbarda Gaiteiros, Airiños da Capela, o grupo Culpables e a coral Amistad completarán o cartel dun ciclo musical que en todo este tempo logrou acadar unha gran sona en Narón. l