A Plataforma en Defensa do Ensino Público recolle a opinión cidadá sobre as políticas educativas do PP

A Consulta Cidadán pola Educación, unha iniciativa de carácter estatal que desde o pasado 23 de setembro se vén desenvolvendo por toda a xeografía española co obxectivo de “recoller de forma directa a opinión da cidadanía sobre os recortes en educación e sobre as políticas educativas dos gobernos central e autonómico”, chegou onte á cidade naval.
Fíxoo da man dos representantes  locais da Plataforma en Defensa do Ensino Público, na que se integran CCOO, FETE-UGT, Confapa Galicia, Sindicato de Estudantes, Iesga e Escola Viva, que colocaron unha “mesa de votación” na praza do Inferniño na que todos os veciños que quixeron puideron deixar plasmada a súa opinión sobre “os recortes e reformas” que no ensino público están a desenvolver os gobernos do Partido Popular, tanto a nivel galego como central, segundo denuncian desde o colectivo.
Tal e como se informou desde CCOO Ensino Ferrol, mañá xoves volverán facer o mesmo, de novo entre as seis e as oito da tarde, na Prazas de Armas. A semana que vén repetirase a iniciativa, o martes en Armas e o xoves 10 de outubro no Inferniño, no mesmo horario.
Ademais, de xeito paralelo, membros da plataforma están a percorrer estes días varios institutos da cidade e comarca para instalar tamén neles, no momento do recreo, estas mesas nas que os alumnos poden amosar a súa postura. Nas votacións pode participar calquera persoa que teña a partir de 14 anos cumpridos.
Onte estiveron no IES Terra de Trasancos e hoxe farán o mesmo no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Ferrolterra.
Ademais, todas as persoas interesadas poden participar nesta consulta de forma virtual a través da web www.consultaciudadanaporlaeducacion.org.

motivos
Os recortes na educación, argumentados desde os gobernos do PP pola situación económica actual, ou reformas como a da Lomce ou o Real Decreto de bolsas son algúns dos motivos que moveron a Plataforma a promover a devandita consulta cidadá, a través da que se pretende “cambiar a forma actual de gobernarnos, paralizando os recortes e iniciando o proceso de reverter todos os que se levan feito nos últimos anos e freando as reformas postas en  marcha para, entre todos, iniciarmos un proceso de diálogo e busca de consenso en materia educativa”, sinalan desde a Plataforma.
A xuízo desta, as actuais políticas educativas do Partido Popular “danan a educación pública, supoñen a volta a un sistema baseado na selección do alumnado para que o progreso nos estudos estea condicionado, con carácter xeral, ao nivel social e ás posibilidades económicas das súas familias, expulsando do sistema aquelas persoas que non encaixan nun perfil prefixado por cuestións ideolóxicas”, lamentan.
Desde a Plataforma aseguran que continuarán a denunciar “a intención de destruír un modelo educativo de calidade e equidade” con políticas, engaden, que na comunidade galega se traducen, entre outras cuestións, na redución de profesorado nas aulas ano tras ano, o peche de unidades de Infantil e Primaria, a desaparición da gratuidade universal dos libros de texto hai dous cursos ou a modifición do sistema de becas, “endurecendo os requisitos de acceso ás mesmas”, critican. n

A Plataforma en Defensa do Ensino Público recolle a opinión cidadá sobre as políticas educativas do PP

Te puede interesar