Tempo Catro estreou no Jofre “Os ollos que falan”, un disco coa poesía de Rosalía de Castro

begoña lorenzo, voz solista do musical daniel alexandre
|

O sexteto Tempo Catro presentou onte no Teatro Jofre o seu traballo sobre textos de Rosalía de Castro “Os ollos que falan”. O espectáculo, organizado pola asociación cultural Medulio e a  Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), contou co patrocinio da Deputación da Coruña.
O sexteto ferrolán interpretou unha ducia de temas do disco homónimo que presentou onte baseado noutros tantos poemas de “Cantares Gallegos”, libro fundacional da cultura galega  do que se celebra este ano o seu 150 aniversario. En canto ao traballo de Tempo Catro, os espectadores puideron escoitar un traballo de recreación moi persoal no que a música clásica fusiónase con elementos da tradición popular e onde non faltan outros ritmos como o jazz ou o tango.
Tempo Catro, que trala estrea prepárase para levar “Os ollos que falan” por toda Galicia, está composto polos profesores do Conservatorio de Ferrol Suso Iglesias (acordeón), Andrés Pazos (piano), Antonio Romero (contrabaixo), Pablo Salgueiro (instrumentos de percusión), o profesor do Conservatorio da Coruña Javi Cedrón(violín) e a voz da cantante Begoña Lorenzo que se incorpora con este espectáculo e disco á formación.

Tempo Catro estreou no Jofre “Os ollos que falan”, un disco coa poesía de Rosalía de Castro