lll

Recibe cada mañana las últimas noticias. REGISTRARME

Recibe las noticias desde Telegram. ÚNETE

Concerto Tempo | “Neste momento todos precisamos, máis que nunca, a música”

José Antonio García Mato, na imaxe nunha das actuacións do coro infantil, é o director do proxecto vocal Concerto Tempo

Arredor de música desenvolve a súa vida cotiá José Antonio García Mato. Profesor desta materia no IES de Ortigueira, onde desde hai sete anos dirixe as formacións corais de alumnado e profesorado, é tamén o máximo responsable do Proxecto Vocal Concerto Tempo.

A agrupación ferrolá, con integrantes de diferentes municipios, experimentou un importante pulo nos dous últimos anos coa creación das seccións infantil (en setembro de 2018) e xuvenil (un ano despois).

Desde onte, e co obxectivo de contribuír a facer máis agradable o confinamento, abriron en Youtube unha nova canle de Concerto Tempiño –ao que dan vida preto dunha vintena de nenos e nenas de 6 a 12 anos de idade–onde se poden atopar tanto vídeos como contidos para nenos e nenas.

“Neste tempo, máis que nunca, precisamos música”, di. “A música é parte fundamental da nosa vida, e a verdade é que a botamos de menos”, confesa. A pesar da obrigada corentena, el segue a ensaiar, vía “skype” coas once rapazas de entre 13 e 18 anos que forman parte do coro xuvenil, “Tempo Novo”, enlace entre o coro infantil e o de adultos. Queren aproveitar ao máximo este tempo para, cando todo remate, poder ofrecer todas as actuacións que lles xurdan.

Recursos

Aos membros de Concerto Tempiño, enviarán tamén recursos para que durante este obrigado illamento social poidan seguir cantando na casa.

Xunto a García Mato, completan o plantel de docentes desta iniciativa Patricia Rodríguez (Técnica Vocal), Icía Rey (expresión corporal) e Joel Crespo (pianista e compositor).

Complexidade

Como profesor de Música nun instituto, García Mato continúa estes días a traballar co seu alumnado. Unha tarefa que, se xa é complicada para a totalidade dos profesionais por ser a primeira vez que se dá esta situación, contempla maiores dificultades para materias que, como a súa ou Educación Física, teñen un carácter moito máis práctico e máis colectivo.

“Creo que a todos nos colleu co pé cambiado. Nós estamos acostumados ao contacto co alumnado, e en materias como estas, este é maior. Trabállase moito en grupo e isto agora non é doado. Pérdese a esencia da materia, que é tocar todos xuntos”, comenta.

Con todo, desde o seu fogar, como todos os profesores e profesoras, segue a buscar novas ideas e a botar man da posibilidades das novas tecnoloxías para encarar esta excepcional situación. l

Concerto Tempo | “Neste momento todos precisamos, máis que nunca, a música”

Te puede interesar