Conto por entregas (Segunda e derradeira parte)

Conto por entregas (Segunda e derradeira parte)

6
Na propaganda sobre o derribo de Precimil, destacaba o apoio dun xornal de fora da cidade, informando do tema case a cotío. Parecía como se tivera algún interese especial na desaparición dese barrio. En diferentes datas publicaba extensas reportaxes cos metros cadrados do barrio, número de vivendas, locais comerciais e habitantes e incluía a foto do edificio máis deteriorado, como exemplo do estado xeral das casas. O interese deste xornal era tan grande que, segundo a súa propia información, decidiu facer unha enquisa sobre a demolición total dos edificios e afirmaba que o 70 %  dos consultados apoiaba o derribo, sen que nunca se soubera se tales afirmacións eran verdade. Certas novas repetíronse ata cinco veces ao longo de catro anos, copiando datos e frases enteiras, sempre coa foto desde distintos ángulos do mesmo edificio deteriorado e, por suposto, sen descoidar entrevistas ou declaracións favorables á demolición do malfadado barrio, louvando aos detractores e ignorando aos defensores dos valores urbanísticos, históricos e sociais do conxunto, que “eles” consideraban como “zona en franco deterioro”, ou “entorno en decadencia” e outras lindezas.

7
A insistencia dos medios de comunicación, con continuas denuncias sobre o mal estado dos edificios do barrio de Precimil, fixo espertar a aqueles incrédulos, que non consideraban posible semellante disparate. Nunha conversa cun dos máis furibundos “demoledores”, comentáronlle que a lei non permitía edificar as 2.300 vivendas que se pretendía construír. A resposta foi contundente: ”As leis cámbianse”, dixeron. Entón, os veciños comezaron a ver o derribo como unha ameaza real e, xa que logo, decidiron denunciar unha serie de feitos e circunstancias estrañas relacionadas coas súas vivendas, que parecían indicar a posibilidade da existencia dunha TRAMA contra os seus fogares. Como primeiro paso, consultaron cuns avogados que lles informaron que o derribo non podía facerse, por estar o barrio incluído no Patrimonio Histórico. Isto tranquilizou a algúns, pero outros pensaron que ese podía ser o primeiro paso dos “depredadores urbanísticos” e propuxeron manterse alerta e presentar unha petición ao Concello, para que lles entregase en propiedade as vivendas, co fin de comezar unha demanda xudicial se, como se esperaba, o concello se negaba á súa petición.

8
Como o asunto se poñía moi feo, os veciños da asociación opositora, ademais de insistir na súa protesta polo abandono do barrio e polos problemas que estaban a sufrir todos, redactaron unha memoria, recollendo abundantes datos e documentación, que  podería aclarar o por que, da constante ameaza de derribo das casas, por parte de certos partidos políticos, algúns medios de comunicación e unha empresa de promocións inmobiliarias. E resolveron pedir axuda ao Valedor do Pobo e tamén enviaron un informe ao Fiscal Xeral poñendo no seu coñecemento todos aqueles datos que consideraban moi significativos e que poderían indicar a posibilidade da existencia dunha “trama”. Mais todo foi en vano. Ademais, aquel xornal, non só seguía apoiando aos demoledores, senón que ata parecía marcarlles o rumbo a seguir. Así, nunha das súas “ofensivas”, anunciaba tamén a preparación dun expediente ou memoria, como un primeiro paso para argumentar ante Patrimonio, a necesidade do derribo. Enseguida, o grupo de goberno formado polos dous partidos “demoledores”, encargou un expediente destinado a solicitar de Patrimonio a desclasificación do barrio, para iniciar a demolición.

9
Pasado certo tempo, recibiuse no concello, o “Expediente de Desafectación de Precimil”, que contiña unha morea de erros, falsidades e medias verdades, chegando incluso a insultar aos veciños, cualificándoos de “degradados”. O exemplar viña a nome do concello, con data pero sen firma e ninguén se responsabilizaba da súa autoría, se ben os veciños conseguiron saber que era de procedencia da empresa dos Taúres e que custara case doce mil euros, é dicir, case dous millóns das antigas pesetas, por unha auténtica chapuza, tan mala, que case podería constituír malversación de fondos públicos. Sen estar autorizado, recollía datos de informes anteriores xa obsoletos, entre eles un, de tres arquitectos locais, encargado e pagado anos atrás pola A. VV. Daqueles informes collía todo o negativo, obviando o moito que había de positivo. Amosaba un grande descoñecemento do barrio e era tan malo, que non é raro que ninguén o firmase. Nembargante, aprobouse nun pleno municipal, por só un voto de diferencia, no medio dun forte escándalo, rexeitado polos concelleiros da oposición e con gritos e insultos dos veciños presentes para os concelleiros da parte gobernante.

10. Análise
Analizando todos os datos recollidos nos anteriores escritos, atopamos estas coincidencias:
Un xornal forasteiro partidario do derribo de Precimil, asiduo detractor do barrio, que repite frases, datos e todo aquilo que considera negativo para as Vivendas do barrio.
TAÚRES, empresa forasteira autora dun expediente irreal e trampulleiro que non firma e polo que cobra preto de 12.000 euros e cuxo director, nunha entrevista que lle fai o citado xornal forasteiro, se permite menosprezar o traballo dos prestixiosos Arquitectos autores do proxecto de Precimil
A opinión do director de TAÚRES debía ser coñecida polo xornal, pois se non, convidarían a outra persoa. Isto parece indicar unha certa relación entre o Xornal e a Empresa con respecto a este tema.
Os partidos políticos rabiosamente partidarios do derribo, encargan a TAÚRES un expediente que denigra ao barrio e aos seus habitantes, expediente que apoian co seu voto nun Pleno, malia a súa evidente falta absoluta de rigor. E autorizan o pago polo Concello, do citado expediente, que TAÚRES non firma.
Estas estrañas coincidencias, nos levan a formular a pregunta seguinte: Existiu realmente a TRAMA Precimil?

Remate
Naquel hipotético barrio, daquela hipotética cidade, os veciños seguirán loitando polos seus dereitos, ata que un goberno serio e responsable decida poñer fin a esta hipotética inxustiza e a ameaza de derribo e reconstrución con máis do dobre do actual número de vivendas, que sempre pode rexurdir, pois aínda que poda parecer que agora mesmo esa ameaza non existe, a realidade é que non se fai nada por avanzar na hipotética rehabilitación; non se entregan a novos veciños as casas hipoteticamente baleiras, algunhas delas tapiadas; as rúas e as beirarrúas necesitan un bo repaso e, desde o Concello, se fala de asignar para mantemento da barriada unha pequena cantidade de euros, insuficiente para a rehabilitación e un mantemento axeitado. E que se saiba, non se fan xestións para buscar cartos;  é dicir que, non as van tirar, porque hipoteticamente non poden, pero déixanas caer, que ven sendo o mesmo. 

Conto por entregas (Segunda e derradeira parte)

Te puede interesar