FeC, PSOE e BNG comezan hoxe as conversas para formar goberno

FeC, PSOE e BNG comezan hoxe as conversas para formar goberno
rueda prensa BNG

As conversas oficiais para chegar a un pacto de goberno en Ferrol entre as forzas de esquerda comezan esta mesma tarde, ás sete, no Ateneo Ferrolán. Os membros das comisións negociadoras que envían Ferrol en Común, Partido Socialista e Bloque Nacionalista Galego terán un primeiro encontro de traballo para determinar, nesta semana, os posibles acordos en torno a un futuro programa de goberno. Para os últimos días, xa a vindeira semana, está previsto que se aborde a distribución das áreas temáticas, un asunto que se espera que se poida resolver con celeridade.
A investidura de Jorge Suárez parece fóra de dúbida, xa que tanto o PSOE como o BNG anunciaron que van apoiar un cambio de goberno na cidade. De momento non hai movementos de cara ó traspaso de poderes, algo que onte mesmo denunciaba Iván Rivas (BNG), que esixe a Rey Varela, “que inicie o traspaso de poder o antes posible porque o 13 de xuño haberá cando menos 13 edís que van apoiar un cambio de goberno”.
O propio Jorge Suárez, candidato de Ferrol en Común e futuro alcalde, pedirá esta semana informes municipais sobre as distintas áreas de goberno e tamén o estado de contas para coñecer a situación do Concello e tentar axilizar o cambio.
A comisión negociadora estará formada por Miguel Castro, Esther Leira e Carlos del Río por parte de Ferrol en Común (representando a EU, Anova e a un grupo de inscritos en Podemos). O PSOE deu a coñecer que estarán representados por Enrique Barrera, Paloma Rodríguez e Bruno Díaz. O BNG-Asembleas Abertas decidía os seus representantes esta mesma mañá.

FeC, PSOE e BNG comezan hoxe as conversas para formar goberno

Te puede interesar