O plató móvil da Dirección Xeral de Voluntariado chegou onte a Ferrol no marco dos actos de conmemoración do día adicado aos voluntarios, que se celebrou o pasado día 5 de decembro.
Durante a xornada de mañá e tarde, un posto informativo na Praza de España atendeu a todas aquelas persoas interesadas no labor que se desenvolve dende a Xunta de Galicia para os rapaces, tanto nos centros de ensino coma na universidade ou fora das aulas, atendendo e prestando colaboración a diferentes sectores da sociedade.
A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cristina Pichel, que estivo acompañada na visita a Ferrol polo delegado territorial, Gonzalo Trenor, animou á cidadanía a descubrir toda a oferta que a Xunta de Galicia ten nesta materia. No acto celebrado onte na cidade naval poidéronse coñecer de primeira man testemuñas como foi o caso de dúas rapazas, Ainhoa Santos e Ainhoa Cobelo, de La Salle de Ferrol e da súa mestra, Mónica Lorenzo, que colaboran no centro na iniciativa “Pasaporte solidario”.
Tamén pasou polo plató itinerante –as entrevistas foron retransmitidas e atópanse no facebook de Voluntariado Galego– a presidenta da asociación ASCM, Paula Gárate, e unha das súas voluntarias, Isabel Castro, que foi galardonada na última edición como voluntaria do ano da entidad sociocultural ferrolana.
A directora xeral explicou que con estas inciativas –o bus que percorre as cidades púxose en marcha o ano pasado coincidindo co Día do Voluntariado– o que se busca é “por en valor a familia de voluntarios de Galicia, que a converte nunha das máis solidarias”.
De feito, Galicia é unhas das comunidades con máis voluntariado de toda España e, a día de hoxe, hai 1.053 entidades no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. Así mesmo, ao longo deste 2020 participaron preto de 9.000 persoas nos programas postos en marcha directamente pola Xunta, o que supón un número similar ao do ano anterior, pese a que houbo máis programacion física. De feito, a Covid-19 fixo que os voluntarios soubesen adaptarse ás novas situacións e dende a Xunta púxose un servio de acompañamento telefónico á poboacion durante o confinamento que movilizou a 100 persoas.