O rock volta este outono ao centro social da Tenencia da Agrupación Instrutiva de Caamouco coa celebración dunha nova edición dun festival marcado xa como ineludible na axenda musical da comarca.
Desta vez, serán tres as bandas convidadas, unha das cales chega desde A Coruña. Trátase de Morgen, que pasarán pola cita para presentar o seu LP Restart, un proxecto que eles mesmos definen cun estilo “punk rock galiforniano”.
Os ferroláns Nordés, con Fer e Chente como compoñentes, achegarán pola súa banda un amplo repertorio dalgunhas das míticas cancións da historia do pop e do rock internacional de todos os tempos.
Completarán o cartel do festival o grupo de San Sadurniño Sandford Music Factory, unha banda con tres discos xa publicados e que bebe do rock clásico, inspirándose en The Who ou Led Zeppelin, pero tamén do grunge, con Pearl Jam e Alice In Chains como referentes.
O Caamouco Rock, organizado pola Agrupación Instrutiva, conta nesta ocasión coa colaboración da Cafetería do Club de Tenis de Redes.
A cita terá lugar esta noite, a partir das 22.00 horas, e a entrada é totalmente de balde.