NARÓN-“Hai que demostrar que hai interés por mudar a forma de facer política”

NARÓN-“Hai que demostrar que hai interés por mudar a forma de facer política”
alcalde de naron josé manuel blanco

José Manuel Blanco Suárez, alcalde de Narón, afronta un novo mandato con ilusión, apostando por un novo tempo en política e poñéndose ao frente do municipio que tamén quere ser referente a nivel de Galicia e norte de Portugal.

Como afronta o novo mandato?
Con moita tranquilidade e ilusión. De novo logramos facer un equipo cohesionado formado por tres partidos, Terra Galega, PSOE e BNG, que xa estivemos na corporación anterior. Seguiremos mantendo a estratexia de que as persoas son o primeiro e que os servizos fundamentais son os que hai que manter nestes tempos de crise. A partir de aí, seguir sentando as bases para que Narón siga medrando e progresando.

Que espera conseguir nos vindeiros catro anos?
Hai que distinguir dúas partes, unha que é responsabibilidade municipal, que implica seguir ofrecendo uns servizos de calidade aos veciños, amplialos e tamén no que respecta ás persoas máis necesitadas, ofrecerlles a axuda necesaria para que dispoñan de todos eles. Tamén continuaremos traballando no desenvolvemento do núcleo urbán de Narón, abrindo novas vías de comunicación entre barrios, e na zona rural o fundamental é o saneamento. Isto enlaza coa segunda parte da que falaba, que son as administracións supramunicipais, ás que solicitaremos que colaboren con nós no saneamento do rural como nós o facemos co saneamento da ría, a pesar de que non é unha obra de competencia municipal, pero queremos que sexa unha realidade o antes posible. Ademais temos pendiente a construción do novo centro de saúde e dun colexio de Primaria no Alto.

Cos cambios ao frente do Concello de Ferrol parece que tamén se abren novos tempos para a relación entre os dous municipios. En que podería traducirse esta colaboración institucional?
Esta colaboración non só ten que ser con Ferrol, senón tamén cos municipios que integran a Mancomunidade e incluso coas tres comarcas que formamos esta esquina de Galicia. Hai que demostrarlles aos veciños que os políticos somos capaces por riba das siglas dos diferentes partidos de coordinar esforzos para mellorar a súa calidade de vida. E iso ten que plasmarse en realidades, co cal aí xa temos que falar de compartir servizos, intentar chegar a acordos en temas como a xestión da depuración, tanto do Norte como do Sur da ría; os plans de urbanismo; o transporte metropolitano da comarca; a comarcalización do parque de bombeiros… Hai que dar pasos e demostrar que hai un cambio e un interese real por mudar as formas de facer política na comarca, para que se poida constatar que é factible.

Non cre que o feito de ter alcanzado os 40.000 habitantes debe imprimir outro carácter ao municipio?
 Narón ten un carácter propio demostrado durante varios anos, tanto a nivel político como social. Somos un concello moi especial e cando expresamos por aí adiante o que facemos a través dos padroados, da participación cidadá, colaboración veciñal nos orzamentos, habilitación de locais sociais en todas as parroquias, pistas polideportivas… e outros temas, moita xente se queda sorprendida.

O camiño cara ó exterior que o Concello iniciu coa súa participación no Eixo Atántico pode ir seguido doutros proxectos?
 Nós cremos que temos que avanzar para que Narón, ademais de ser un referente na comarca, o sexa tamén en Galicia e no norte de Portugal. Estamos participando e colaborando en temas culturais, deportivos e turísticos incluso a nivel europeo e ese é o camiño que temos que marcar e seguir.

O pacto de goberno co PSOE e BNG repite, en certo modo, o que xa estivo vixente durante o goberno anterior. Prevé introducir cambios para mellorar resultados ou considera que non hai nada que mudar?
 En principio, eu creo que non hai que cambiar nada. Sempre manteño que un mandato non é suficiente para desenvolver un programa de goberno. Estes catro últimos anos valéronnos para coñecernos e profundizar no que queriamos para Narón e isto hai que mantelo e seguir traballando nesa liña. Unha cousa que funciona non hai que cambiala.

Hai que ter moita man esquerda para evitar choques nun goberno tripartito ou son mais as aportacións que as asperezas que se poden xerar?
 Moi raramente hai asperezas entre os tres partidos. O que si hai son diferentes puntos de vista pero que sempre se limaron e se solventaron sen acritude. O importante é ter un proxecto de cidade e témolo en conxunto, e o seu desenvolvemento, pouco a pouco. Todos sabemos que non é o momento de grandes investimentos pero estamos avanzando para que Narón cada vez teña máis perspectivas de futuro.

NARÓN-“Hai que demostrar que hai interés por mudar a forma de facer política”

Te puede interesar