Cambio de sede da Irmandade e posta en marcha das escolas (CIV)

Cambio de sede da Irmandade e posta en marcha das escolas (CIV)
Placa conmemorativa de Ánxel Casal na coruñesa Real

Xa deixei dito que o funcionario policial que acudira á xunta xeral da Irmandade da Fala da Coruña celebrada o 13 de abril de 1924 recollera no seu informe que un dos acordos tomados fora o de facer xestións “para conseguir alguna rebaja en el alquiler del local y si no lo consiguen, ver de encontrar otro más barato”. Descoñezo o que aconteceu ao respecto, mais si sei que con data de 24 de xullo de 1924 rexistrouse no Goberno Civil da Coruña este escrito da Irmandade:
“A los efectos consiguientes tengo el honor de comunicar a V.S. que esta Sociedad, ha trasladado su domicilio social a la calle Real número 36 piso 1º
Dios Guarde a V S muchos años
La Coruña, 12 de Julio 1924
Por la Irmandade da Fala
El Secretario
F. Abelaira
Exmo Sr. Gobernador Civil de esta provincia”.
Ese primeiro andar da rúa Real coruñesa que, na altura, se convertera, así mesmo, no domicilio de Ánxel Casal e María Miramontes.
Como xa quedou dito en anteriores entregas, dez meses antes o voceiro irmandiño, no solto “As Escolas da Irmandade”, aparecido no número de 1º de novembro, comunicaba que ía por bo camiño a creación das Escolas para nenos “que esta Irmandade fai mentes de estabrecer no seu amplio local”. Este, non ía ser o previsto, que nin sequera era tan amplo, senón o 1º andar do número 36 da rúa Real.
Do asunto fíxose eco puntualmente A Nosa Terra, no solto “A irmandade da Cruña”, aparecido no número de 1º de xullo de 1924:, se cabe, da que ten e o letreiro que axiña
“A nosa querida Irmandade, que nos oito anos que tén de eisistencia esforzouse sempre por cumprir o nobre fin para que foi creada lle non importando as vicisitudes por que pasou e as altas e baixas dos tempos tan mudados agora, acábase de trasladar de domicilio. Vai ocupar un primeiro andar na rúa Real nº 36 onde fican dende agora estabrecidas as oficiñas da ‘Irmandade’ de ‘A Nosa Terra’ e as ‘Escolas do Insiño Galego’ que como saben nosos leitores veñen funcionando dende fai dous meses con asistencia de mais de vinte rapaciños”.
O artigo tamén se ocupaba de louvar a nova ubicación da entidade:
“O sitio céntrico que agora ocupa daralle mais pubricidade, se cabe, da que ten e o letreiro que axiña campara no seu balcón será ollado por toda a Cruña que a cotío desfila pola centrica rúa. Dende alí continuará realizando a sua santa labor de galeguización atemperándose naturalmente aos tempos que se unhas veces non son propicios non esquencemos tampouco que despois da tempestade ven a calma”.
Ramataba ofrecendo “o seu novo domicilio a todol-os galegos, onde serán acollidos cos brazos abertos e o corazón acugulado de amor ardente”.
Abofé que nunca me resultou doado de entender como un habitáculo cunha extensión non superior aos 300 m2 podía albergar o local social da Irmandade e a escola xunto, tal e como recolle o padrón municipal, coa vivenda do matrimonio Casal Miramontes e a doutra familia con 8 fillos. Xa non digamos ofrecerlla, por riba, a todos os galegos. Mais os datos obxectivos son eses.
A día de hoxe non parece posible saber con certeza a data exacta da posta en funcionamento real das Escolas irmandiñas.
Temos o importante testemuño de Jenaro Marinhas del Valle, fillo de militante nacionalista colaborador, ademais, d’A Nosa Terra, que no ano 1924 era un mozo de 15 anos, isto é, xa non en idade de asistir ás Escolas, mais si de lembrar ben a súa existencia. Segundo el, comezaran a funcionar en abril.
Podería interpretarse tamén así –aínda que a inminencia da inauguración non me pareza moi clara– tendo en conta o que se di no solto “Fomentado a cultura / As Escolas do Insino Galego”, que recolle A Nosa Terra, no seu número de 1º de abril:
“As escolas que a Irmandade da Fala ten en organización, nas que se dará ensino gratuito aos fillos dos asociados van por tan bo camiño que xa se recibiron algunhas das mesas, feitas con suxeición aos modelos mais modernos; mercáronse libros e demais materiaes, e faráse canto sexa preciso para inauguralas axiña, tendo en conta que na Cruña fan falla moitas escolas”.
O artigo facía fincapé no sacrificio que estaban a facer algúns galegos, “amantes da cultura e do progreso”, abonando as cotas mensuais imprescindibles para cubrir os gastos que as escolas orixinaban, polo que instaba a que todos os galegos imitasen ese honroso proceder “para que nin un soyo neno quedara sen recibir a instrucción necesaria”.
Finalizaba lembrando aos “irmáns proteitores d’estas escolas poden ver no local da Irmandade o material adquirido”.
Coincidindo coas actividades da posta en marcha das Escolas –aínda que non as cite tal cal–, no propio número de 1º de xullo, no que se comunicaba a mudanza de local, A Nosa Terra publicou o artigo”Os estudos que son precisos en Galicia” de Leandro Carré. Despois de dar conta de que Portela Valladares doara 2.500 pesetas ao Seminario de Estudos Galegos para facilitar que a institución puidese realizar as súas investigacións, que habían redundar nun futuro mellor para Galicia, o bibliotecario da Irmandade expuña o que entendía que eses estudos podían supor para un novo ensino galego:
“¡Oh! se os mestres ensinaran na escola o amor á Galicia, se lles fixeran comprender aos seus alunos que o verdadeiro patriotismo consiste en facer próspera e rica â propia Terra nai; se en vez de facerlles adeprender coma loritos os nomes dos reises godos ou o número de groriosas derrotas que sofríu Hespaña en todo tempo, lles ensinasen a conocer as produciós do país e as industrias que se poideran implantar nel, e sobre todo, lles inculcasen a idea de que a sua propia voluntade é d’abondo para trocar a vida de larchana, homilde e pobre en activa, varil e rica, eses nenos cando chegaran á ser homes saberían poñer á Galicia no eume dos países frorecentes e progresivos, e daquela os galegos non serían, non, tratados como mansas ovellas.
Quizais a circunstancia de verse forzados a soster pol-os propios medios algunhas instituciós de ensinanza, encomece a facer ver nas xentes o inutil e perxudicial da suxeición á normas e sistemas dos gobernos, e á comenencia, pol-a lei de buscar rumbos mais adecuados âs necesidades do pais, e ventaxas na independencia da vida, dos estudos que fagan utilizar, para exclusiva utilidade, aqueles medios e aquelas ensinanzas mais ventaxosas.
E por outra parte, sen lle deber nada ao Estado, cada galego mais satisfeito de sí mesmo, e co orgullo de quen é o que é pol-o seu único esforzo, sen axuda de ninguén afacerase mellor a se considerare superior á todos os demáis e saberá facer beneficiosa canta riqueza garda no seu seo esta Terra vizosa de Galicia, improductiva agora pol-a falsa cultura e orientación equivocada que lles deron aos que hoxe son homes”.
Neses momentos a posta en funcionamento das escolas converteuse en tema central da actividade do nacionalismo galego. O 25 de xullo, malia os tempos ditatoriais que corrían e a censura militar derivada, A Nosa Terra publicou o correspondente número extraordinario dedicado ao Día de Galicia. Na nota “Aos nosos leitores” indicábase que o número non era todo o bo que quererían ter feito, mais había que ter en conta que “os tempos non axudan moito para facer alardes sobre todo n’unha revista do caráiter da nosa. Emporiso; chegamos a onde poidemos”.
Nese número atópanse dous artigos nos que se fala, como non, das Escolas, que haberá que comentar.

Cambio de sede da Irmandade e posta en marcha das escolas (CIV)

Te puede interesar