Auroras boreais, glaciares, iglús, kayaks, osos polares son termos que asociamos cunha vasta zona de xeo no norte do planeta. O Ártico. Desde onte os ferroláns poden coñecer máis sobre ela grazas á mostra de La Caixa “O Ártico rompe”, unha completísima mostra que trata de concienciar sobre os perigos e consecuencias do desxeo e de afondar no coñecemento dun territorio único.
A mostra, que estará aberta ata o próximo 9 de abril, pretende fomentar o pensamento crítico e sensibilizar sobre un problema medioambiental importante: os efectos do cambio climático no Ártico e as súas consecuencias para o resto do planeta. Así, as altas temperaturas dos últimos veráns aceleraron o desxeo superficial do Ártico e o proceso de transformación dunha das zonas máis sensibles da Terra. A raíz disto, unha parte importante da exposición está formada polas fotografías de Andoni Canela, que viaxou por Groenlandia, Alaska, Canadá, Svalbard, Islandia, Rusia e Laponia e achéganos á realidade recente da rexión ártica.
“O Ártico rompe” conta tamén con audiovisuais que explican que é unha aurora boreal ou as diversas clases de xeo, e interactivos onde, entre outros, móstrase como se desfán os casquetes polares e é posible observar o pelo dun oso polar, líquenes e plantas carnívoras. Ademais, un conxunto de pezas procedentes de Nunavut (Canadá) e o norte de Alaska achégannos á vida e cultura dos seus habitantes. Os visitantes poden escoitar un conto inuit-yupik e música sami, sentíndose inmersos na extraordinaria rexión ártica.
espazo e horario
“O Ártico rompe” foi inaugurada onte polo alcalde de Ferrol, Rey Varela, acompañado polo director do centro de Institucións de La Caixa, Ignacio Pascual, e o comisario Toni Pou.
Outra das vantaxes da mostra, instalada en dous innovadores módulos que semellan o Ártico (pero sen frío) é un horario moi amplo de luns a venres, de 12.30 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00. Os sábados, domingos e festivos será de 10.30 a 14.30 horas e de 16.30 a 21.00.