As persoas que se acheguen ao hospital Arquitecto Marcide poden contemplar xa como o avance das obras do Plan Director está modificando de forma importante o acceso e a vida no entorno do edificio. De feito, estase traballando agora na base do que será un dos dous novos espazos que se construirán na parcela, un dedicado á asistencia aos pacientes e outro para administración.
No exterior, un dos cambios é a construción dunha rampa nova de Urxencias, paralela á anterior, así como o levantamento da área de xardín do frontal, onde se sitúan módulos de almacenaxe e residuos. Tamén se construiu unha rampa de dirección única para a circulación de subministracións, almacén e mercadorías. A saída é pola parte inferior do recinto, pola rúa Irmandade de Doadores de Sangue. Esta zona quedará reservada precisamente para os subministros.
Dentro do Marcide, trabállase na demolición do espazo que acollerá o novo servizo de Radiodiagnóstico, un soto que quedou liberado co traslado dos Servizos Xerais e o Mantemento ao edificio de Mariñeiría que hai no acceso ao Hospital Naval.
Neste último centro continúan as obras nos espazos onde se ubicará a Farmacia Provisional, así como Microbioloxía e tamén o hospital de día Onco-Hematolóxico. Cando no Naval estean listas as plantas para recibir estes servizos, trasladaranse alí e liberarán á súa vez os recintos que ocupaban no Marcide, co cal se poderán seguir as obras.
Trátase dun difícil puzzle de movementos para aquí e para alá (algúns para ficar definitivamente a onde se moveron, como o novo e máis amplo laboratorio de Anatomía Patolóxica ou a moderna Lavandeiría, mentres que outros volverán), necesario para facer unhas obras deste tipo e, ao mesmo tempo, manter a actividade asistencial no complexo hospitalario.
Destes reaxustes queda por completar o da Cociña, que irá tamén para o Naval, e cuxo traslado se retrasou debido ao coronavirus (as obras que implicaban movementos onde houbera persoal do centro sanitario tardaron máis en reanudarse).